O BNG advirte da xestión fraudulenta dunha subvención para normalización lingüística de 7.300 € ao Concello de Valga

20231123

Luís Bará denuncia o uso de fotocopias para unha campaña de comercio, unha “trapallada” pola que Política Lingüística terá agora que demandar explicacións

O BNG advirte da xestión fraudulenta dunha subvención para normalización lingüística de 7.300 € ao Concello de Valga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística terá que pedir explicacións ao Concello de Valga, tras a denuncia formulada hoxe en sede parlamentaria polo deputado do BNG Luís Bará, que advertiu dunha “fraude” na xestión dunha subvención de máis de 7.300 euros concedida ao consistorio pontevedrés polo Goberno do PP.

Segundo expuxo Bará nunha pregunta formulada ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García , o Concello foi un dos beneficiados polo programa de axudas ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega, destinadas especificamente para a creación, mantemento ou reforzo do servizo lingüístico, ou ben para desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.

Bará cuestionou o cumprimento por parte do Concello das bases establecidas na convocatoria de axudas, en primeiro lugar porque, segundo deu a entender o propio secretario xeral, optou a dúas modalidades cando só era posible concorrer a unha. Pero, ademais, xustificou 3.800 euros da subvención coa factura dunha imprenta “de moito prestixio” para unha campaña na que se repartiron entre comercios da zona “vulgares fotocopias feitas nunha A4 , non nunha imprenta da categoría profesional da que aparece na xustificación deses gastos”.

As fotocopias, que ademais foron expostas nos establecementos tras unha denuncia do BNG de Valga, “son dun mal deseño, cuns debuxos dos que se poden coller nas redes, con logotipos que non son oficiais e ata cos bordes en branco”. “Unha trapallada, unha chapuza e unha fraude en toda regra” , dixo Bará.

O deputado nacionalista amosou na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galiza, as fotocopias mencionadas e reclamou ao secretario xeral que “actúe en consecuencia” e que, ademais, extreme o control sobre as xustificacións que fan os concellos “non vaia ser que isto sexa unha práctica habitual”. Insistiu en que, no caso de Valga, o incumprimento é evidente porque o programa “nin se cumpriu en prazo nin coas garantías que establece a convocatoria”, o que, ao seu xuízo, fai pensar “nunha fraude dobremente consentida pola Secretaría Xeral, porque supón un dispendio dos fondos públicos e porque é unha desvalorización da política lingüística” da Xunta do PP.

Logo das probas amosadas polo deputado do BNG en comisión, o secretario xeral asegurou que pedirá explicacións ao Concello de Valga.

O BNG advirte da xestión fraudulenta dunha subvención para normalización lingüística de 7.300 € ao Concello de Valga