O alcalde e o resto de concelleiros do goberno municipal votan en contra da apertura da Casa da Cultura de Valga

A iniciativa presentada polo BNG solicitaba unha programación estable e de calidade para a Casa da Cultura de Valga, sen embargo, alcalde e concelleiros do Partido Popular votaron en contra, mostra máis que evidente da falta de interese do goberno municipal por manter aberta esta infraestrutura cultural

O grupo municipal do BNG de Valga presentou unha moción no pleno ordinario do día 24 de xuño de 2024 solicitando ao goberno municipal un compromiso para dotar á Casa da Cultura de Valga dunha programación cultural, didáctica e lúdica que sexa estable e de calidade.

Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, expuxo a situación actual na que se atopa esta infraestrutura cultural que, coa construción do auditorio en Cordeiro, foi reducindo o número de actividades que albergaba e sufrindo un deterioro continuo, até o punto de atoparse nun estado de semiabandono en 2023. En 2024, ante esta grave situación de deterioro, realizáronse obras por importe duns 122.000 euros.

Os datos sobre o número de actividades que se realizan na Casa da Cultura de Valga mostran unha realidade ben diferente. En 2018 leváronse a cabo cinco actividades, en 2019 foron tres, en 2020 tamén tres, en 2021 soamente unha, en 2022 foron dúas e en 2023 novamente unha soa. No actual 2024, despois do investimento económico realizado, unicamente se realizou unha actividade, reflexo da falta de vontade para prover á casa da cultura de contido.

Estas actividades foron na súa inmensa maioría destinadas aos nenos, o que pon de manifesto a falta dunha programación diversa, variada e para todos os públicos posibles. Tras ser trasladada toda a actividade (cultural, formativa, informática, teatro, idiomas, campus sénior, obradoiros de memoria...) para o auditorio, aínda que moitos dos veciños das aldeas de Valga teñen máis próxima a casa da cultura, debería estudarse a posibilidade de que parte das actividades se realizasen conxuntamente nos dous sitios, facilitando o desprazamento, sobre todo pensando nas persoas adultas maiores que teñen que moverse para realizar os cursos.

A moción presentada polo BNG de Valga solicitaba dotar á Casa da Cultura dunha programación estable, de calidade, variada e para todo tipo de públicos e idades, dando así servizo a unha parte da veciñanza que, por proximidade xeográfica, ten este centro como referencia. Sen embargo, o alcalde e o resto de concelleiros do Partido Popular votaron en contra da moción, mostra máis que evidente da falta de interese e compromiso do goberno municipal por manter aberta a Casa da Cultura de Valga.

Rogos e preguntas

Neste punto do pleno, o grupo municipal do BNG pediu medidas diante da falta de cobertura móbil que padece a veciñanza dos Martores. Tamén preguntou cal foi o criterio empregado para invitar ao procedemento de negociado sen publicidade para a xestión da escola infantil a unha empresa que no anterior concurso non obtivera a puntuación mínima esixida na valoración técnica da súa oferta, ante a que non se obtivo unha resposta respecto da pregunta formulada. E por último, Fran Devesa preguntou se a viaxe realizada a Austria polo alcalde e a concelleira de educación para asistir á gravación dun programa de televisión foi pagada con fondos municipais, e cuxa resposta dada polo alcalde foi que os gastos de dita viaxe “por suposto” que foron a cargo do concello.