Valga podería entrar nunha situación que comprometa a súa viabilidade financeira, segundo o último informe do Consello de Contas

O Concello de Valga ten un remanente de tesourería para gastos xerais negativo, cun Importe Saldo non financeiro de -343.094,32€, o que reflexa unha preocupante situación financeira

O informe do Consello de Contas que analiza as contas das entidades locais relativas ao exercicio de 2021 foi publicado o venres pasado. Dentro da análise que efectúa sobre as contas recibidas do Concello de Valga, para os efectos de consideralas como rendidas ou non, o organismo autonómico de control procedeu á comprobación da coherencia interna dos diferentes estados contables, coa finalidade de garantir que os mesmos reflicten a imaxe fiel da execución orzamentaria e do patrimonio da entidade. A incidencia máis significativa detectada nas contas do Concello de Valga é que o remanente de tesourería para gastos xerais é negativo.

O remanente de tesourería reflexa a situación dunha entidade ao peche dun exercicio, que se atopa dispoñible para financiar gastos, resultando un indicador moi importante para valorar a solvencia financeira a curto prazo. O Concello de Valga, aínda acadando un aforro neto positivo, presenta un remanente de tesourería negativo, polo que podería entrar nunha situación que puidera comprometer a súa viabilidade financeira. Cando o remanente de tesourería presenta valores negativos, como é o caso de Valga, indica que terá que obter recursos futuros para atender o exceso de gastos, é dicir, o Concello sería incapaz de afrontar as débedas ao finalizar o exercicio.

O Consello de Contas tamén apunta que as entidades que logrando aforro neto positivo presentan remanente de tesoureira negativo, como no caso de Valga, deben “proceder con ese aforro ao pago das obrigacións pendentes de pago”.

Segundo consta en dito informe, Valga tampouco “cumpre cos requisitos de estabilidade orzamentaria, segundo a consulta de seguimento dos plans económicos financeiros das entidades locais que consta no enderezo electrónico do Ministerio de Hacienda y Función Pública”.