O Concello de Valga remata o ano 2023 cunha débeda récord, un novo préstamo e pagos pendentes a provedores
O investimento de case 19.000 euros en xoiería percíbese como un acto de frivolidade por parte do equipo de goberno do Partido Popular, que non é quen de priorizar a canalización de fondos cara a áreas onde realmente é máis necesario o gasto
No informe do Consello de Contas que analizaba as contas das entidades locais relativas ao exercicio de 2021, publicado no mes agosto deste ano, advertíase que o Concello de Valga podería entrar nunha situación que comprometa a súa viabilidade financeira.
Ante esta mala situación económica, cunha débeda duns 3 millóns de euros, o 8 de novembro de 2023 o Concello solicitou un novo préstamo de 650.000 euros por un prazo máximo de 1 ano, sendo isto unha boa mostra da delicada situación financeira municipal.
O BNG de Valga, ante esta preocupante situación económica, analizou os gastos realizados polo concello durante o ano 2023, uns datos que aínda serán maiores cando remate definitivamente o ano. Gastáronse case 30.000 euros en servizos xurídicos externos, 11.500 en asesoramento urbanístico, case 19.000 euros nunha xoiería (8.100 euros soamente para o medallón da investidura do alcalde), 14.600 en obradoiros de cociña e 9.000 euros foron destinados a publicidade en medios de comunicación. Estes datos demostran como o Partido Popular non repara en gastos nin realiza unha rigorosa asignación dos recursos públicos, comprometendo aínda máis o estado financeiro municipal, nun momento no que a responsabilidade fiscal debera ser a máxima preocupación. Soamente durante este ano pagáronse 48.533,82 euros en combustibles, unha cifra bastante elevada para un concello das características de Valga.
O feito de que haxa pagos pendentes a provedores agrava a situación, revelando unha falta de priorización e unha xestión económica, cando menos cuestionable. Son varios meses de retraso os que leva o concello para o pagamento das facturas de servizos municipais. A empresa concesionaria do SAF (Servizo de Axuda no Fogar), a de limpeza dos edificios municipais ou a da escola infantil cobraron por última vez en outubro. No caso de SOGAMA, non se realizaron pagos desde agosto, e no caso de Augas de Galicia, desde xuño. Todos estes retrasos indican a falta de liquidez do Concello de Valga nestes momentos.
O BNG de Valga tivo coñecemento a semana pasada de que os traballadores da Escola Municipal de Música levaban sen cobrar desde setembro por parte da empresa concesionaria da escola “Servicios e produccións Villar-Rey de Galicia, S.L.”, empresa que durante este ano cobrou 111.853,04 euros. Até este luns, día que o concello realizou o pago de 25.333,32 euros, a empresa levaban sen cobrar desde o 24 de agosto de 2023. O feito de que a concesionaria deixara de pagar aos traballadores é unha responsabilidade compartida entre empresa e Concello, ambos os dous responsables da xestión do contrato. Segundo figuran nos pregos de condicións do contrato da “Xestión da Escola Municipal de Valga”, a empresa concesionaria para ser adxudicataria do servizo, tivo que demostrar a súa solvencia económica e financeira, algo que á vista dos incumprimentos para pagar os salarios queda en entre dito.
Neste contexto, faise evidente a necesidade dunha maior transparencia e rendición de contas por parte do goberno local. As veciñas e veciños de Valga merecen comprender as decisións financeiras dos seus representantes, sobre todo cando van en contra das necesidades reais que ten o noso concello.