O Concello de Valga perde a metade dunha subvención para a promoción do uso da lingua galega ao non poder xustificar a realización de actividades

O equipo de goberno só é capaz de xustificar parte da subvención obtida cunhas actividades con moi pouca repercusión pública e que só alcanzan a metade da axuda obtida

O venres 17 de marzo de 2023 publicábase no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se establecían as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galiza para a promoción do uso da lingua galega para o ano 2023. Segundo figura no artigo 1 da orde, o obxecto desta é “fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, para o ano 2023, en concellos ou en agrupamento de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes”.

Na resolución do 27 de xuño de 2023 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de xullo de 2023, ao Concello de Valga concédeselle unha subvención de 7.321,44 euros para o “Mantemento do Servizo Lingüístico”, e que tal como se indicaba no artigo 4.4 da orde, as actividades deberan ser realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro do ano 2023.

Este venres 20 de outubro, cinco días despois de terse cumprido o prazo para ter realizadas as actividades, publícase na plataforma informática de xestión municipal un decreto da alcaldía xustificando tan só 3.800 euros en gastos realizados nun programa denominado “Valga en galego”. As actividades “Valga nas ondas”, “Moverse é vivir, falar é sentir”, “Merca na túa lingua” e “Eu son en galego” supuxeron un gasto, sen IVE, de 1.000, 1.250, 950 e 600 euros respectivamente.

O equipo de goberno do Partido Popular, que tanto alarde fai da boa xestión, só é capaz de xustificar parte da subvención obtida cunhas actividades con pouca incidencia e outras incluso con nula visibilidade pública, e que a duras penas alcanzan a metade (3.800 euros) da axuda obtida (7.321,44 euros) para a promoción do uso da lingua galega.

As campañas “Merca na túa lingua” e “Eu son en galego” xustifícanse con dúas facturas, emitidas por unha imprenta de Poio, que suman un importe de 1.550 euros. Estas facturas corresponderían na realización de material gráfico e a súa posterior colocación no comercio local e espazos públicos de Valga, mais nada se coñece nin se veu desta campaña durante este ano.

Desde o BNG de Valga lamentamos que o concello xustifique campañas con material gráfico que ninguén veu, e que, pola inacción do equipo de goberno se perda parte desta axuda, desaproveitando recursos cos que conseguir unha maior concienciación da veciñanza sobre a necesidade de preservar a nosa lingua e a apertura a novos espazos para fomentar o uso do galego.

Algunhas das actividades que se poderían terse realizado, de non perderse parte da subvención, son a creación de contido dixital dirixido á mocidade, edición de publicacións, actividades en colaboración coas Anpas e asociacións culturais, festival de música con grupos locais, actividades nos centros socioculturais das parroquias...