O Partido Popular vota en contra da proposta para denominar as actuais instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi"

O alcalde non considera que Diana, Rebeca e Rosi teñan méritos suficientes para que unhas instalación deportivas municipais leven o seu nome, cando foron elas, apoiadas polo Furia AC, as que conseguiron cambiar unha normativa que recoñeceu o dereito a xogar no fútbol federativo sen limitacións por razón de sexo

O alcalde de Valga, a concelleira de Igualdade, e o resto de concelleiros e concelleiras do Partido Popular votaron en contra da proposta do BNG para denominar as instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosi", unha iniciativa que pretendía recoñecer un dos episodios máis relevantes da historia deportiva e social de Valga.

Durante o debate, o propio alcalde xustificou o seu voto en contra afirmando que non tiñan méritos suficientes "para que unhas instalacións deportivas leven o seu nome". Un argumento que reduce a unha cuestión cuantitativa o que foi, en realidade, un momento histórico no que tres rapazas que se enfrontaron a unha normativa discriminatoria e abriron camiño na loita pola igualdade no deporte.

Diana, Rebeca e Rosi non foron "unhas xogadoras máis" como afirmou o alcalde. Defenderon o seu dereito a competir en igualdade de condicións nun contexto no que se lles quería impedir por ser mulleres, conseguindo unha resolución que marcou un antes e un despois no fútbol galego. Aínda que ese paso non se entende sen o papel xogado polo Furia AC, un clube que, decidiu posicionarse do lado da igualdade cando non era o máis doado, asumindo responsabilidades e dando respaldo ás xogadoras nun momento clave.

O voto en contra do PP deixa clara a súa posición: decidiron non recoñecer, nin ás xogadoras, nin ao contexto colectivo que fixo posible aquel avance. Hai decisións que retratan máis do que explican. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, "temos claro que este recoñecemento non depende dun voto puntual. Diana Rey Martínez, Rebeca Viñas Arning e Rosa Pardal Aragunde xa son historia, e tamén o é o Furia AC como parte dese capítulo. Máis pronto que tarde, este recoñecemento será inevitable. Porque hai nomes e feitos que, por moito que algúns intenten minimizar, acabarán ocupando o lugar que lles corresponde".