O BNG de Valga propón denominar as actuais instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosa"

Imaxe: Nacho Estévez | La Voz de Galicia
Imaxe: Nacho Estévez | La Voz de Galicia

Diana Rey, Rebeca Viñas e Rosa Pardal, xunto coa perseveranza do Furia AC, conseguiron dobregar unha normativa federativa inxusta, converténdose nun símbolo da loita contra o machismo institucional no fútbol e no deporte en xeral

O BNG de Valga propón denominar as actuais instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosa"

O grupo municipal do BNG presentará esta iniciativa como moción no vindeiro pleno que se celebrará no mes de abril. A proposta busca recoñecer un episodio da historia do deporte en Valga, mais que transcendeu o ámbito local, e que xa naquel mesmo momento se converteu nun símbolo da loita contra o machismo no fútbol e no deporte en xeral.

En setembro de 1997 o Furia AC, refundado un ano antes, aliñou no seu equipo cadete a tres rapazas valguesas: Diana Rey Martínez, Rebeca Viñas Arning e Rosa Pardal Aragunde. A súa participación nun equipo federado maioritariamente masculino tivo unha forte repercusión, xa que a normativa federativa da época impedía a presenza de mulleres en competicións masculinas a partir de determinadas idades e, despois de disputar algúns partidos, non se lles permitiu seguir xogando.

20260305_2
Diana (á dereita), Rebeca (á esquerda) e Rosa (abaixo), antes do partido no que se lles impediu xogar | Imaxe: Furia AC

A decisión das propias xogadoras para defender o seu dereito a competir nas mesmas condicións que os seus compañeiros de equipo, co apoio do Furia AC e das súas familias, abriu un fondo debate que tivo unha grande repercusión mediática e deportiva. Aquel episodio puxo en cuestión unha discriminación profundamente arraigada no fútbol, e un modesto clube de Valga foi capaz de poñer en evidencia e dobregar ao machismo institucional no mundo do fútbol.

A resolución do Comité Galego de Disciplina Deportiva chegou o 24 de abril de 1998 e recoñeceu o dereito de Diana Rey, Rebeca Viñas e Rosa Pardal a xogar no fútbol federado e nas competicións organizadas pola Federación Galega de Fútbol, sen prexuízos nin limitacións por razón de sexo. Diana, Rebeca e Rosa, que daquela eran menores, xunto con todo o Furia AC, convertéronse así en protagonistas dun momento histórico que marcou un antes e un despois na loita contra as desigualdades existentes no deporte, e nunha demostración de que as inxustizas se poden cambiar cando as causas son xustas.

O BNG considera que o complexo deportivo da Campaña, escenario central para a práctica deportiva de Valga, é o lugar axeitado para lembrar aquel episodio pioneiro protagonizado por Diana, Rebeca e Rosa, recoñecendo tamén o papel xogado polo Furia AC e a súa directiva, que decidiron situarse do lado da igualdade, cando non era o máis doado. "Esta iniciativa cobra un significado especial no contexto do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha data que invita a lembrar os pasos dados na loita pola igualdade tamén no ámbito do deporte", sinala Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga.

O BNG de Valga propón denominar as actuais instalacións deportivas de Campaña como "Complexo deportivo Diana, Rebeca e Rosa"