O goberno municipal de Valga incapaz de xestionar a creación da brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais para este ano 2025
Valga afronta unha das peores vagas de incendios forestais dos últimos anos en Galiza sen medios humanos propios, co consecuente aumento no tempo de resposta dos equipos de extinción ante un eventual incendio, xa que estes terían que desprazarse desde outros concellos
A finais de 2019 o alcalde de Valga renunciaba ao Grupo de Emerxencias Supraminicipal (GES) esgrimindo que as expectativas sobre o seu funcionamento non se viron cumpridas, cando é público que este servizo desapareceu polas reivindicacións laborais dos seus integrantes. Algunhas destas acabaron nos tribunais cunha maioría de sentenzas favorables aos traballadores, mais o goberno municipal de Valga renunciaba igualmente a ser sede do GES, que entre súas diferentes funcións estaban a de extinción de incendios urbanos, intervención en incendios forestais e a realización de labores de prevención. Outra das consecuencias da desaparición do GES foi o case desmantelamento de Protección Civil de Valga, pois parte dos membros que formaban a agrupación local eran tamén traballadores do GES.
Despois da eliminación do GES, o goberno municipal de Valga comezou a asinar convenios coa Xunta de Galiza para a creación dunha brigada contra incendios formada por cinco traballadores durante un período de tres meses. Aínda que o obxectivo desta brigada estaba especialmente orientada aos meses de maior risco, isto na realidade non se cumpría, pois na maioría das tempadas o inicio dos traballos era o mes de agosto, superado xa o ecuador do verán. Os traballos prioritarios desta brigada son a extinción de incendios forestais, mais tamén labores de prevención.
Este 2025, por primeira vez en moitos anos, o Concello de Valga non contará con medios de prevención e extinción propios pola incapacidade do goberno municipal para formar a brigada contra incendios. A non constitución da brigada e o non funcionamento da motobomba municipal (sen ITV) implica que a extinción e prevención de incendios dependerá exclusivamente do Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés, co consecuente aumento non tempo de resposta ante un incendio, ao terse que desprazarse doutros concellos até Valga.
Respecto dos traballos de prevención realizados polo goberno municipal, estes son case inexistentes, pois tal e como se describiu anteriormente, ao non ser capaces de formar a brigada contra incendios, non se realizaron a maioría dos labores de roza, rareo ou eliminación de restos. Ademais, nalgúns dos terreos municipais incluídos nas faixas de xestión da biomasa nos que se realizaron rozas e eliminación de vexetación, estas incumpren a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza.
Estes incumprimentos poden apreciarse nas seguintes fotografías do espazo que rodea á Mina Porto Piñeiro, onde, tras ser realizadas rozas e eliminación de vexetación, os restos desta deixáronse amoreados e así continúan na actualidade despois de máis dun mes de terse feito. O artigo 28 da lei citada anteriormente indica que está prohibido o “depósito de subprodutos resultantes de explotación forestal, tales como a biomasa forestal residual, estelas, cortiza, resina e todo tipo de restos agrícolas e de produtos inflamables”, cualificando isto como unha infracción grave e coa consecuente sanción económica en caso de denuncia.
Para o BNG de Valga estas actuacións son de extrema gravidade, pois é a propia administración local a que está incumprindo a lei, a mesma administración que leva meses esixindo á veciñanza o cumprimento da lexislación e a limpeza e xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias. Fran Devesa, voceiro municipal do BNG, empraza ao alcalde a “facer unha reflexión profunda sobre modelo polo que apostou o Partido Popular respecto da extinción e prevención contra incendios”, tanto a nivel local, como no ámbito galego.
Os incendios forestais son un dos problemas máis importantes que ten o país cada ano, algo que se está evidenciando de maneira moi clara este 2025. O evidente cambio climático e o desleixo sistemático da Xunta de Galiza en materia de prevención inciden de xeito notable en que os incendios que se producen sexan máis agresivos, perigosos e desestacionalizados.
En plena vaga de lumes, e ante esta situación de extrema gravidade derivada da incapacidade do goberno municipal de Valga para crear a brigada municipal de prevención e extinción de incendios para este ano, o BNG propón a recuperación da brigada municipal con persoal operativo durante todo o verán, volver dotar ao Concello de medios materiais propios (motobomba e vehículo lixeiro de intervención), poñer en marcha un plan municipal de prevención con rozas planificadas e seguras, unha campaña de información e concienciación á veciñanza sobre os riscos, obrigas e boas prácticas e a unha planificación da prevención durante todo o ano. O grupo municipal do BNG de Valga reitera o seu compromiso coa protección da vida e a seguridade da veciñanza, así como coa defensa do medio ambiente e o espazo natural.