O goberno municipal sube novamente o recibo do lixo, que xa acumula un incremento de máis do 33% desde o ano 2024

20251104

O BNG de Valga alertou de que o incremento duplica o valor do IPC e defendeu unhas taxas progresivas e con bonificacións para as veciñas e veciños que participan no programa de compostaxe, responsables directos da redución dos residuos orgánicos

O goberno municipal sube novamente o recibo do lixo, que xa acumula un incremento de máis do 33% desde o ano 2024

O pleno ordinario celebrado o luns 3 de novembro de 2025, o goberno municipal do Partido Popular trouxo para a súa aprobación a suba da taxa de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos. O servizo de recollida do lixo é, sen lugar a dúbidas, o servizo municipal que máis queixas veciñais xera polo seu mal funcionamento respecto da baixa frecuencia de recollida, sucidade, a falta de contedores ou mesmo a presenza de ratas.

A proposta defendida polo alcalde, previamente presentada de urxencia nunha comisión informativa, é a suba dun 18,75% do recibo do lixo a partir do ano 2026. Isto suporá que, a partir do vindeiro ano, as vivendas pagarán 12 euros máis ao ano, o pequeno comercio (asesorías, oficinas, perruquerías...) a suba será de 32,4 euros, os bares e restaurantes 38,4 euros máis, os supermercados e ultramarinos 40,8 de incremento, ou as casas de turismo rural até 47,4 euros máis ao ano.

Esta é a segunda suba da taxa do lixo en pouco máis de dous anos, xa que en 2024 o incremento foi do 14,30%. Coa entrada en vigor da nova suba en 2026, o goberno municipal de Valga terá aumentado o recibo do lixo nun 33,05% desde o ano 2024. Miguel Lois, concelleiro do BNG de Valga, alertou de que se trata dunha suba desmesurada, xa que duplica o valor do IPC (Índice de Prezos de Consumo) para os anos 2024 e 2025.

O BNG de Valga defendeu unhas taxas progresivas, con bonificacións para familias numerosas, persoas maiores de 65 anos, persoas que viven soas, familias monoparentais, desempregadas de longa duración, dependentes ou persoas con discapacidade. Outra proposta defendida polo concelleiro Miguel Lois foi a bonificación para as veciñas e veciños que participan no programa de compostaxe e que son responsables directos da redución dos residuos orgánicos, que doutra maneira irían ao contedor.

Como xa é habitual, ningunha destas propostas foron tidas en conta, polo que o grupo municipal do BNG votou en contra da suba da taxa de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos. Malia a insistencia para saber cal era a razón para aplicar este incremento no imposto do lixo, o alcalde non dou ningunha explicación, mais a realidade é que a preocupante situación económica da que alerta periodicamente o Consello de Contas ou que o Concello de Valga teña case un millón de euros de pagos pendentes, son algunhas das razóns polas que se incrementa esta taxa para aumentar recadación.

O goberno municipal sube novamente o recibo do lixo, que xa acumula un incremento de máis do 33% desde o ano 2024