O equipo de goberno, co alcalde á cabeza, votan en contra da iniciativa do BNG para a declaración da Procesión dos Lacóns como Ben de Interese Cultural

Imaxe: Mónica Ferreiro

O alcalde non aceptou que fose o BNG de Valga quen levara esta iniciativa ao pleno e quixo ser el o protagonista da moción, esquecéndose que os verdadeiros protagonistas son as veciñas e veciños de Cordeiro que organizan e manteñen viva esta tradición

O 1 de febreiro de 2024 o BNG de Valga facía pública a súa intención de presentar unha moción no próximo pleno, instando ao Concello de Valga a solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural para a Procesión dos Lacóns de Vilar. O obxectivo disto era o de recoñecer esta celebración popular que xurde directamente do pobo e que se celebra cada 2 de febreiro pola Candeloria, día no que casan os paxariños.

O 9 de febreiro de 2024 a moción foi rexistrada vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello de Valga, co obxectivo de que esta fora debatida no vindeiro pleno. A moción foi incluída na orde do día do pleno ordinario do 6 de marzo de 2024 baixo o título “Declaración da Procesión dos Lacóns como Ben de Interese Cultural”. Neste pleno o alcalde e o resto de concelleiros do Partido Popular votaron en contra porque esixían que se incluíra na moción a solicitude para declarala Festa de Interese Turístico, algo que para o BNG de Valga carece de sentido, posto que son dúas figuras moi diferentes, incluso nalgúns puntos antagónicas entre si. Aínda así, Miguel Lois, concelleiro do BNG de Valga, tratou de convencer ao alcalde para que votaran a favor da moción presentada polo BNG, facendo fincapé en que se posteriormente o Concello quería facer tamén a solicitude para a súa declaración como Festa de Interese Turístico, o BNG de Valga non se oporía. Finalmente, alcalde e concelleiros do Partido Popular votaron en contra da moción para iniciar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural da Procesión dos Lacóns.

Neste mesmo pleno, unha vez rematada a parte resolutiva, cal foi a sorpresa que o propio alcalde presentou unha moción de urxencia para, collendo como base a moción presentada polo BNG de Valga e engadíndolle unicamente que se solicitará tamén a declaración como Festa de Interese Turístico, agora si ía votar a favor de solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural para a Procesión dos Lacóns. Este comportamento de querer apropiarse dunha iniciativa que non era del, mostra unha actitude de protagonismo desmedida e un intento de asoballamento a aqueles que, como os concelleiros do BNG, realizan propostas construtivas e beneficiosas para Valga.

O 7 de marzo de 2024, o día seguinte ao da celebración do pleno, as canles oficiais do Concello de Valga (redes socias e páxina web) publican que a “moción de urxencia para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, como paso previo á solicitude de declaración como Ben de Interese Cultural inmaterial” para a Procesión dos Lacóns, foi aprobada grazas á iniciativa do “equipo de goberno” cos votos favorables do Partido Popular e coa abstención do BNG. Non fan mención algunha a que o alcalde e os concelleiros populares votaron en contra da iniciativa orixinal, sendo este o único punto da orde do día do que non falan nas publicacións realizadas. Isto é unha nova mostra da manipulación e o uso escandalosamente partidista que se fai dos medios de comunicación públicos, uns medios que deberían estar ao servizo de todos os veciños, e non soamente ao servizo do alcalde.

Ante semellante exercicio de manipulación do alcalde, dos concelleiros do Partido Popular e da responsable das canles de comunicación oficiais, o BNG de Valga non vai quedar calado, seguiremos aportando ideas e realizando propostas construtivas. Tamén alzaremos a voz ante actitudes moi pouco limpas como as de apropiarse dunha iniciativa que non era nin de Maneiro nin do Partido Popular, senón de toda a veciñanza de Valga; e sobre todo, das veciñas e veciños de Cordeiro que todos os anos organizan a marabillosa Procesión dos Lacóns.