Dous novos informes volven alertar da difícil situación financeira do Concello de Valga

Ao último informe do Consello de Contas no que se indica que o Concello de Valga se atopa nunha situación financeira comprometida, engádase agora outro informe do Ministerio de Hacienda sinalando o incumprimento do período medio de pagamento das facturas aos provedores

O 12 de abril de 2024 publicouse o informe do Consello de Contas que analiza as contas das entidades locais relativas ao exercicio de 2022. Dentro da análise que efectúa sobre as contas recibidas do Concello de Valga, para os efectos de consideralas como rendidas ou non, o organismo autonómico de control procedeu á comprobación da coherencia interna dos diferentes estados contables, coa finalidade de garantir que os mesmos reflicten a imaxe fiel da execución orzamentaria e do patrimonio de Valga. A incidencia máis significativa detectada nas contas do Concello de Valga, ao igual que xa pasara para o ano 2021, é que o remanente de tesourería para gastos xerais é negativo.

O remanente de tesourería reflexa a situación dunha entidade ao peche dun exercicio, que se atopa dispoñible para financiar gastos, resultando un indicador moi importante para valorar a solvencia financeira a curto prazo. O Concello de Valga, que presenta un remanente de tesourería negativo, atópase actualmente nunha situación financeira comprometida segundo o manifestado no informe do Consello de Contas. Cando o remanente de tesourería presenta valores negativos, como é o caso de Valga, indica que terá que obter recursos futuros para atender o exceso de gastos, é dicir, o Concello sería incapaz de afrontar as débedas ao finalizar o exercicio.

O Concello de Valga non cumpre coa estabilidade orzamentaria para o exercicio 2022, cun importe saldo non financeiro de -269.903,64 euros e un aforro neto tamén negativo. Isto implica que, tendo en conta o exposto no informe do Consello de Contas, Valga "debe adoptar medidas para garantir a sustentabilidade dos seus gastos correntes sen necesidade de acudir a mecanismos excepcionais de financiamento".

Outro informe, este emitido polo Ministerio de Hacienda, alerta de que o Concello de Valga incumpre o prazo de pagamento a provedores, superando os 30 días fixados por lei como tope para abonar as facturas. Así, en dito informe indícase que o goberno municipal de Valga está pagando a máis de 62 días, un prazo que dobra ao fixado pola lei.

A Xunta de Galicia, encargada da tutela financeira das administracións locais, xa se dirixiu ao Concello de Valga para esixirlle medidas de axuste para que cumpran o período máximo de pagamento. Valga debería aplicar plans de axuste para axilizar o abono das facturas, arriscándose a que o Ministerio de Hacienda interveña as contas municipais de non facelo.

Outro dato que se desprende deste informe é que, no cuarto trimestre de 2023, o importe de pagamentos pendentes (2.081.626,3 euros) é moito maior que o importe de pagamentos realizados (1.368.320,03 euros), mostra clara da comprometida situación financeira na que se atopa o Concello de Valga.