O BNG de Valga entrega en doazón ás Anpas dos colexios de primaria as insignias de ouro recibidas no Pleno de investidura
Fran Devesa e Miguel Lois manifestaron que para o BNG “as Anpas son unha parte fundamental da comunidade educativa municipal, ás cales apoiaremos nas súas reivindicacións e sempre estaremos á súa disposición”
O pasado 17 de xuño celebrouse o Pleno extraordinario para a constitución da nova corporación municipal 2023-27. Como xa ocorreu en lexislaturas anteriores, o equipo de goberno comprou unha medalla para o alcalde e trece insignias de ouro para os concelleiros electos, ascendendo o gasto a 15.240,55 €.
En anteriores lexislaturas, os concelleiros do BNG de Valga rexeitaron a insignia outorgada, mais nesta ocasión entregáronse en doazón ás Anpas dos colexios CEIPP de Baño-Xanza e CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Os cartos que consigan coa súa venda será destinado a axudar a sufragar as actividades dirixidas ás alumnas e alumnos dos colexios de primaria de Valga.
Esta doazón é un acto simbólico de como entende o BNG a política, pensando no ben común e non no beneficio propio.