O Consello de Contas alerta da falta de transparencia e ocultación de información do Concello de Valga nas contratacións públicas municipais

No referente á análise dos contratos de importe inferior a 5.000 euros, o ente fiscalizador das contas afirma que “a aprobación de gasto é posterior á data da factura en case o 98% dos expedientes que constan na documentación contable

O último informe do Consello de Contas, publicado o 26 de xuño de 2025, analizou “numerosas facturas que carecen de relación contractual e que figuran nos informes anuais de control interno da intervención” emitidas polo Concello de Valga. Como xa ven sendo habitual, Valga sae moi mal parada da análise realizada polo ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego.

Comeza o informe indicando que se tiveron que analizar “fontes de información alternativas” ante a falta de resposta completa ao requirimento de documentación realizada ao Concello de Valga. Tamén indica que o portal de transparencia municipal ten “moitos apartados sen contido” e no que non figura nin tan sequera a RPT (Relación de Postos de Traballo), nin os orzamentos municipais aprobados, nin normativa propia en materia de xestión ou control de gastos. No informe alértase que Valga ten vacantes os tres postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional: o de secretario, o de interventor e o de tesourería. Respecto dos dous primeiros, aínda que están cubertos en acumulación de servizos, lévase recorrendo a funcionarios accidentais desde o ano 2017.

Respecto da comprobación da información sobre facturación dos provedores analizados polo Consello de Contas, este indica que o Concello de Valga “non facilitou os expedientes de contratación menor dos gastos facturados”. É especialmente grave o referido ao procedemento dos contratos de importe inferior a 5.000 euros, onde o ente fiscalizador das contas afirma que “a aprobación de gasto é posterior á data da factura en case o 98% dos expedientes que constan na documentación contable”, é dicir, o goberno municipal de Valga primeiro emite unha factura e posteriormente xustifícaa orzamentariamente.

No referente aos expedientes solicitados, o Concello de Valga “non achegou a documentación contable nin a correspondente factura coa descrición do gasto, non se pode verificar se é correcta a dita imputación orzamentaria”. Por citar un exemplo da irregular actuación do goberno do Partido Popular, o Consello de Contas cita dous contratos menores de adquisición de vehículo cuxa suma coincide co importe facilitado pola empresa, pero cuxos contratos non constan publicados nin no portal de transparencia, nin no perfil do contratante.

O informe remata indicando que o alcalde comprometeuse a redactar unha proposta de plan de acción para corrixir as deficiencias detectadas nos informes resumo anuais de control interno da intervención, mais dito plan “non está formulado en documento administrativo”.