O Concello de Valga terá que indemnizar a unha empresa con máis de 50.000 euros pola actuación irregular do goberno municipal na xestión dunha obra

Malia que a licitación foi executada na súa totalidade e a obra foi recibida mediante unha acta de recepción sen reserva algunha, o goberno municipal negouse a pagar uns traballos extraordinarios que ordenara realizar o propio Concello de Valga

En data 22 de outubro de 2018 publícanse na Plataforma de Contratación do Sector Público os pregos administrativos e técnicos da licitación das obras de “Pavimentación de Estradas Municipais”. Estas foron adxudicadas a Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L. mediante contrato formalizado o 18 de decembro de 2018 e recepcionadas polo Concello de Valga o 6 de marzo de 2019, tras comprobar que estas “atópanse en bo estado, non presentando defectos construtivos”.

Malia que a licitación foi executada na súa totalidade e a obra foi recibida mediante unha acta de recepción sen reserva algunha, o goberno municipal negouse a pagar uns traballos extraordinarios que ordenara realizar o propio Concello de Valga. Ante esta negativa a pagar dito exceso de obra, a empresa acudiu á xustiza para reclamar a débeda contraída, a cal foi recoñecida mediante a sentenza firme 25/2024 ditada o 12 de febreiro de 2024 polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra no procedemento ordinario 77/2020, por un importe principal de 50.074,23 euros, máis os xuros legais que ascendería a 1.587,80 euros.

A esas cantidades engádense, en concepto de custas procesuais derivadas de dito procedemento ordinario, 847,00 euros, segundo o decreto do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra do procedemento ordinario PO 77/2020 que aproba a taxación das custas do devandito procedemento de data 7 de febreiro de 2025 e 1.000,00 euros segundo o decreto de data 5 de marzo de 2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do procedemento peza sobre cuestións incidentais 0004159/2024 0001 AP Recurso de Apelación onde aproban a taxación de custas.

En total, o Concello de Valga terá que pagar un total de 53.509,03 euros en concepto de execución da sentenza, xuros e custas procesuais para indemnizar á empresa adxudicataria dunha obra municipal. Esta contía será pagada por todos os veciños e veciñas de Valga, ao igual que cando se abonaron 18.096,75 euros correspondentes aos gastos xudiciais dun proceso penal no que interviñeron alcalde, interventor e secretario, malia que o Concello de Valga conta cun Servizo de Asesoría e Postulación no que está incluída a defensa xurídica.

Esta é unha nova mostra de mala xestión do goberno municipal e que se suman aos incumprimentos da Lei de Contratos do Sector Público en varias licitacións publicadas e denunciadas publicamente polo BNG de Valga, ao recurso presentado ás bases para o proceso de selección da praza de arquitecto/a ou á devolución de 325.343 euros e perda dunha subvención de 650.687 euros pola incapacidade para xestionar unha obra na Medela.

O BNG de Valga lamenta que a actuación irregular seguida polo goberno municipal faga que se teñan que pagar 53.509,03 euros como indemnización a unha empresa, o que agrava aínda máis a delicada situación financeira do Concello de Valga. Esta situación foi descrita recentemente no último informe do Consello de Contas que analizou a Conta Xeral das Entidades Locais de Galicia e onde recoñece a Valga como un dos oito concellos, de 5.001 a 10.000 habitantes, cun remanente de tesourería axustado negativo de -529.563,72 euros, unha situación que pode comprometer a súa viabilidade.