O Concello de Valga pagou 2.800 euros pola viaxe a Austria do alcalde e a concelleira de educación

Malia que os medios xestionados polo concello anunciaron que Valga ía ser a "protagonista na televisión pública de Austria", a realidade é que isto non foi así, limitándose á emisión dun vídeo gravado no que o alcalde promocionou un concerto en Santiago de Compostela

O 21 de maio de 2024, o alcalde e a concelleira Carmen Gómez asistiron á gravación dun concurso musical dunha televisión en Austria. Estes foron acompañados pola xerente de Galival Music, S.L., empresa que xestiona o Centro Superior de Música, e o director do centro.

Dous días despois da gravación do programa, Galival Music, S.L. emitiu unha factura correspondente aos gastos de desprazamento e aloxamento do alcalde e a concelleira en Austria. Ante isto, Fran Devesa, concelleiro do BNG de Valga, solicitou, o 31 de xullo de 2024 poder ver esta factura. Dous meses despois, o 1 de outubro de 2024, o alcalde autorizou a súa consulta, co que o BNG de Valga puido comprobar que os gastos relacionados con esta viaxe ascenden a 2.066,66 euros. Neste importe inclúense os voos de ida e volta (1.174,66 euros), a facturación das maletas (258 euros) e a estancia durante dúas noites nun hotel de catro estrelas en Viena (634 euros). Ademais disto, mediante decreto asinado polo alcalde o 30 de xullo de 2024, este autorizaba un gasto de 723 euros correspondentes ás “dietas” del mesmo durante a súa estancia en Austria.

Malia que desde os medios de comunicación xestionados directamente polo concello anunciaron que Valga ía ser a "protagonista na televisión pública de Austria", durante a emisión do programa soamente se emitiu un vídeo duns 20 segundos de duración, no que o alcalde e o director do Centro Superior de Música non citaban nin tan sequera a Valga, limitándose a promocionar un concerto no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

Desde o BNG de Valga rexeitamos rotundamente que o Concello de Valga asuma os gastos da viaxe realizada por alcalde e concelleira a Austria, por non axustarse esta ao obxectivo que se anunciou, que non era outro que o de supostamente promocionar Valga.