O Concello de Valga realizará inspeccións para o cobro de impostos e venderá terreos para obter ingresos que palíen a preocupante situación financeira

Soamente en anticipos, préstamos e pagos pendentes a provedores, o Concello de Valga debe 2.874.500 euros, ten un remanente de tesourería negativo de -616.189 euros e paga a provedores por enriba do período de tempo permitido pola lei

No pleno extraordinario celebrado o 21 de novembro de 2023 debateuse a aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2024. Estes orzamentos foron feitos se ningún tipo de participación e sen contar coa aportación de ninguén, incluso se convocou aos sindicatos tres horas antes da Comisión Informativa previa ao Pleno.

O documento foi feito co obxectivo de non ser comprensible, tanto para os concelleiros da oposición, como para a propia veciñanza, sobre todo no apartado da morosidade do terceiro trimestre e o período medio de pago a provedores. Fran Devesa, concelleiro do BNG de Valga demandou a presenza no Pleno do interventor e alertou que no anexo de investimentos non se concretan as denominacións das partidas, o que é indicativo da falta de transparencia.

Respecto das subvencións concedidas ás asociacións e entidades deportivas de Valga, o BNG de Valga preguntou os criterios polos cales se conceden e demandou que se redacte, dunha vez por todas, unha ordenanza reguladora con criterios obxectivos, e non como até o de agora, que é o criterio subxectivo da alcaldía o que fixa as contías dadas a cada asociación.

Fran Devesa tamén advertiu que, segundo o documento de orzamentos, o gasto do programa Embelecer Valga é de 70.000 euros, cando esta documentado que esta partida é moito maior, o que pon de manifesto a falta de control orzamentario por parte do equipo de goberno do Partido Popular sobre este programa.

No referente ao anexo de persoal, non aparecen pola súa denominación os postos de bibliotecarios nin o de normalización lingüística, existen dou postos de limpadores que non se sabe a labor que fan e hai enormes diferenzas de salario entre postos da mesma categoría. Ante a pregunta do BNG de Valga sobre este tema, ningunha resposta se obtivo respecto destas anomalías no cadro de persoal.

Actualmente o Concello de Valga debe en anticipos e préstamos coa Deputación de Pontevedra 543.000 euros, 1.668.000 euros a provedores no terceiro trimestre e 650.000 euros nun préstamo con Abanca que xera uns xuros de 12.500 euros. Isto eleva a débeda total de Valga a 2.874.500 euros, ao que habería que engadir o dato negativo de -616.189 euros de remanente de tesourería e que o Concello de Valga está pagando a provedores a 70 días, cando a lei indica que debe ser menos de 60 días.

Todo isto é indicativo de que hai unha importante falta de liquidez por causa dunha mala xestión da que xa se comezan a ver os síntomas, como por exemplo o retraso no pago das nóminas aos alumnos do obradoiro de emprego ou que a empresa concesionaria da Escola de Música retrasárase no pago dos salarios aos profesores por falta de pago do propio Concello.

Segundo figura nos documentos do orzamento, o Concello ten previsto recadar 277.000 euros por inspeccións durante o ano 2024. Isto significa que se vai investigar á veciñanza respecto dos bens inmobles, actividades económicas, vehículos, naves industriais, taxa de sumidoiro e uso de dominio público. Novamente van ser os veciños os que van pagar a mala situación económica municipal, froito dunha nefasta xestión política.

Outro ingreso non financeiro que se ten previsto para o ano 2024, 75.000 euros, virá do alleamento de investimento, é dicir, o Concello de Valga vai vender patrimonio público (soares) co único obxectivo de tentar mitigar a preocupante situación financeira municipal.

Por todo o exposto anteriormente, os dous concelleiros do BNG de Valga votaron en contra da aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2024.

Un pleno máis, as actitudes irrespectuosas do alcalde cos grupos da oposición volveron a poñerse de manifesto, descalcificando calquera proposta e incluso chegando a facer referencias persoais á voceira do PSOE, feitos estes que desde o BNG de Valga condenamos enerxicamente.