A composición das mesas de contratación do Concello de Valga incumpren a lexislación vixente no relativo aos procesos de adxudicación de contratos públicos

Outra análise realizada polo BNG de Valga foi os contratos de obra ou servizos publicados polo Concello de Valga na plataforma de Contratos Públicos durante este ano, repartidos en catorce licitacións diferentes, das que nove incumprirían tamén a Lei de Contratos do Sector Público

O grupo municipal do BNG de Valga ten denunciado publicamente varias licitacións e contratacións públicas do Concello de Valga que incumpren a Lei de Contratos do Sector Público, feito que ten como consecuencia a deficiente execución dos contratos de obras e/ou servizos. Como parte da súa labor fiscalizadora e de control da actividade do goberno municipal do Partido Popular, o BNG de Valga analizou a composición das mesas de contratación desde o 2017, ano de entrada da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

Como resultado desta análise, comprobouse que as mesas de contratación do Concello de Valga están compostas, case na súa totalidade, polo alcalde como presidente da mesa; como vocais a concelleira de educación, o secretario e o interventor; e como secretario un funcionario municipal. Isto supón que dous dos cinco membros da mesa son cargos electos, o que incumpre o disposto no artigo 7 da Disposición Adicional 2ª da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que indica que “os membros electos que, no seu caso, formen parte da Mesa de contratación non poderán supoñer máis dun terzo do total de membros da mesma”.

Esta esixencia da lei, que os cargos electos (alcalde e concelleiros/as) non superen máis dun terzo dos membros da mesa de contratación, permite evitar que os cargos políticos poidan dominar o voto na mesa. O BNG de Valga considera de extrema gravidade que, desde a entrada en vigor da lei no ano 2017, o órgano de contratación respecto dos contratos de obras, de subministro, de servizos, os contratos de concesión de obras, os contratos de concesión de servicios e os contratos administrativos especiais do Concello de Valga estivese conformado de tal maneira que incumpre a lexislación vixente.

Outra análise realizada polo BNG de Valga foi a totalidade dos contratos de obra ou servizos publicados polo Concello de Valga na plataforma de Contratos Públicos de Galicia durante o 2025. Estes supoñen un de valor estimado de 2.037.670,96 euros, repartidos en catorce licitacións diferentes. Destas, nove contratacións (1.017.276,50 euros) incumprirían a Lei de Contratos do Sector Público.

Os pregos de cláusulas administrativos particulares de ditas licitacións non inclúen ningún criterio para determinar o carácter desproporcionado do prezo ofertado e tampouco fixa ningún parámetro obxectivo que sinale unha anormalidade respecto da totalidade da oferta. Isto é un claro incumprimento da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que no seu artigo 149.b indica que neste tipo de licitacións téñense que “establecer os parámetros obxectivos que deberán permitir identificar os casos no que unha oferta se considere anormal, referidos á oferta no seu conxunto”.

En definitiva, a non fixación de criterios e parámetros que determinen ofertas anormalmente baixas supón un grave risco para a futura execución da obra ou a prestación do servizo. Un exemplo disto foi a adxudicación para o subministro e instalación de 138 luminarias a unha empresa que ofertou a maior baixa económica, un 22%, case 8.000 euros menos respecto do importe de licitación. Como resultado disto, tres meses despois de finalizar a instalación das luminarias, máis da metade estaban xa fundidas e aínda non foron repostas.

Este é unha mostra máis que se engade a outras moitas e que pon de manifesto a falta de rigor na redacción dos pregos de cláusulas administrativas das licitacións municipais, e que ten como un dos responsables ao despacho de avogados Martín Gómez Abogados, S.L.U., o actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, o mesmo ao que o Concello de Valga abonou os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde e ao secretario, malia que este servizo ten incluída a defensa xurídica.

Unha contratación pública mal executada pode ter varias consecuencias negativas. En primeiro lugar, pode afectar á transparencia e á responsabilidade na contratación pública, xa que os procedementos non se seguiron correctamente. Ademais, unha contratación pública mal realizada pode afectar ao uso eficiente dos recursos públicos. Se os procedementos non se seguiron correctamente, pode haber unha mala xestión dos recursos, o que pode afectar á calidade dos servizos públicos. Finalmente, unha contratación pública mal executada pode afectar á competencia no mercado. Se os procedementos non se seguiron correctamente, pode haber unha falta de xustiza na contratación, o que pode afectar á competencia no mercado.

Finalmente, tal e como se alertaba no informe do Consello de Contas publicado o 26 de xuño de 2025, o Concello de Valga ten vacantes os postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal: o de secretario e o de interventor. Estes dous, aínda que na actualidade están cubertos en acumulación de servizos, lévase recorrendo a funcionarios accidentais desde o ano 2017, unha excepcionalidade inadmisible para dous dos postos máis importantes dentro dun organigrama municipal e que non están a executar unha fiscalización da acción municipal axeitada, obxectiva e solvente.