O BNG de Valga visita o Centro de Día para recoller propostas de mellora e insiste na necesidade do seu traslado definitivo ao CODI de Baño

A instalación dun sistema de climatización, a colocación dunha cuberta na porta de acceso ou resolver as deficiencias do ascensor, son algunhas das demandas recollidas polos membros do BNG de Valga respecto das actuais instalacións do Centro de Día

O concelleiro e voceiro municipal do BNG, Fran Devesa, acompañado polos membros do grupo local Susana Barreiro e Adrián Pardal, visitaron o Centro de Día de Valga co obxectivo de coñecer de primeira man a situación das instalacións e recoller as propostas das persoas usuarias e traballadoras para mellorar un dos servizos máis importantes do concello. Desde o BNG de Valga agradecen a boa disposición e o acollemento recibido, que permitiu comprobar o gran traballo que realiza o persoal deste servizo esencial.

Entre as necesidades máis urxentes que trasladaron os usuarios e usuarias destaca a instalación dun sistema de climatización axeitado. Nun centro destinado a persoas maiores, garantir unha temperatura correcta non pode depender de solucións improvisadas. Esta demanda demostra que o actual espazo que acolle o Centro de Día, o auditorio municipal de Cordeiro, ten limitacións evidentes e reforza a necesidade dun cambio de localización. Mentres ese traslado non se produza, a climatización debe ser unha prioridade inmediata por unha cuestión de saúde, benestar e dignidade.

A maiores, o centro precisa doutras actuacións urxentes para garantir a seguridade e a comodidade das persoas maiores. Entre elas, a instalación dunha cuberta na porta de acceso para que poidan entrar e saír protexidos da chuvia, así como unha solución definitiva para os problemas do ascensor. Esta instalación xa fallou durante o apagamento de abril do ano pasado, provocando unha situación de perigo ao ter que evacuar persoas en cadeira de rodas polas escaleiras, e agora sofre tamén filtracións de auga. Así mesmo, solicítase a colocación de bancos nas inmediacións para que quen poida saír dar un paseo teña un lugar axeitado onde descansar con tranquilidade.

O Centro de Día é unha peza fundamental dos coidados públicos en Valga, un espazo de atención e acompañamento para os maiores e un apoio esencial para as súas familias. Cómpre lembrar que este servizo formou parte dos primeiros centros da Rede Galega de Centros de Día, impulsados e postos en marcha en 2008 baixo o goberno do BNG na Xunta de Galiza.

O testemuño do persoal e das persoas usuarias reforza a liña que o BNG de Valga vén defendendo desde hai tempo. Para o grupo municipal liderado por Fran Devesa, cómpre acometer melloras inmediatas no centro actual, sen esquecer a cuestión de fondo: o inevitable cambio de emprazamento. Valga precisa dun espazo máis accesible, cómodo e seguro, pensado especificamente para os coidados que merecen os nosos maiores. Por iso, o BNG continuará defendendo o seu traslado ás instalacións do CODI en Baño.

Todas as actuacións citadas son concretas, posibles e necesarias. En definitiva, o BNG de Valga traballará en dúas direccións: reclamando solucións inmediatas para as deficiencias actuais e esixindo unha nova localización digna. “Porque uns coidados públicos dignos son imprescindibles para unha Valga máis xusta, máis humana e con máis futuro”, conclúe o voceiro municipal, Fran Devesa.