O BNG de Valga solicita información para comprobar a actuación do goberno municipal ante un presunto caso de acoso nun obradoiro de emprego
Ante a gravidade da situación descrita pola Fiscalía de Pontevedra, o obxectivo desta solicitude é coñecer os protocolos de prevención, protección e actuación realizados, e verificar cal foi o procedemento seguido polo goberno municipal
A semana pasada o Diario de Arousa facía público que a Fiscalía de Pontevedra pide seis anos de prisión para un home por unha presunta agresión sexual a unha muller que tería tido lugar nun obradoiro de emprego, xestionado polo Concello de Valga, durante o período formativo 2023-24. O Ministerio Público solicita a prohibición de aproximarse a menos de 150 metros da vítima, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro no que se atope, así como a prohibición de comunicarse por calquera medio con ela.
Tamén solicita que, durante oitos anos, o acusado sexa inhabilitado para calquera profesión, oficio ou actividade, sexan ou non retribuídos, que implique contacto regular e directo con persoas menores de idade, así como seis anos de liberdade vixiada. O fiscal defende que o acusado debe indemnizar á vítima con 7.000 euros, polas lesións causadas e a secuela restante, así como 5.000 euros máis polos danos morais. Destas cantidades económicas tería que responder o Concello de Valga como responsable civil subsidiario.
Ante a gravidade da situación descrita pola Fiscalía, o BNG de Valga solicitará formalmente o acceso a toda a documentación e ao expediente completo relacionado co obradoiro de emprego no que se produciu este presunto caso de abuso. O obxectivo desta solicitude é coñecer con detalle os protocolos de prevención, protección e actuación establecidos neste tipo de programas formativos públicos, así como verificar cal foi o procedemento seguido polo Concello de Valga, no exercicio das súas funcións de coordinación e seguimento. Do mesmo xeito, solicitarase tamén as actas da comisión de seguimento, no caso de que se tiveran realizado.
Así mesmo, o BNG de Valga solicitará información sobre as actuacións desenvolvidas polos servizos municipais de atención ás mulleres, co fin de comprobar se se activaron os mecanismos de apoio e acompañamento previstos e garantir que se aplicaron correctamente os protocolos existentes. Neste sentido, o grupo municipal do BNG quere comprobar se se puxeron en marcha e como funcionaron as medidas recollidas no obxectivo específico 4 (eixe 6) do Plan de Igualdade do Concello de Valga, especialmente no relativo á coordinación entre servizos, á activación da Mesa Local Coordinación contra a violencia de xénero e á elaboración e aplicación nos protocolos de actuación nos casos de alta vulnerabilidade.
O BNG de Valga reitera a súa vontade de colaborar para que todos os programas públicos conten coas máximas garantías, asegurando unha actuación institucional baseada na responsabilidade e na prevención das violencias machistas, e reafirmando o seu compromiso firme coa igualdade real e efectiva.