O BNG de Valga solicita ao goberno municipal destinar catro parcelas edificables a vivenda pública

20251020_1

A existencia destes terreos son unha oportunidade para que moitos veciños non se vaian de Valga, mais o goberno municipal decidiu poñelos á venda, incluíndo a cantidade de 75.000 euros como previsión de ingreso nos anteriores orzamentos

O BNG de Valga solicita ao goberno municipal destinar catro parcelas edificables a vivenda pública

Valga é un dos poucos concellos polos que discorre a N-550 que sofre unha perda de poboación constante, e unha das causas principais é pola falta de vivenda, especialmente para a xente moza. Ante isto, o BNG de Valga presentará unha moción no próximo pleno solicitando a implicación do goberno municipal na busca dun convenio coa Xunta de Galiza para a construción de vivenda pública, nuns terreos de titularidade municipal situados en Ponte Valga, na subida cara a Cedelo.

Trátase de catro parcelas edificables (36056A019060170000AT, 36056A019060070000AA, 36056A019060060000AW e 36056A019060050000AH) propiedade do Concello e que segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Valga están clasificadas como Solo Urbano Non Consolidado (SU-NC), mais dentro dun ámbito onde xa se construíron vivendas. Isto implica que o solo debe considerarse, de feito, como solo urbano xa consolidado ou, cando menos, que o Concello de Valga podería promover a aprobación dunha ordenación detallada, un proxecto de equidistribución e outro de urbanización para facer posible edificación de novas vivendas.

20251020_2

O grupo municipal do BNG de Valga solicitará que se aproveite esta oportunidade para dar resposta a unha necesidade urxente de vivenda nova e en aluguer en Valga. A existencia destes terreos son unha oportunidade para que moitos veciños non se vaian de Valga, mais o goberno municipal decidiu poñelos á venda, incluíndo a cantidade de 75.000 euros como previsión de ingreso nos anteriores orzamentos. Esta decisión de vender, ademais de ser unha mostra evidente da delicada situación económica do Concello, é considerado polo BNG de Valga como un erro gravísimo, que demostra a falta de planificación e a deriva dun modelo de xestión que pon en venda o patrimonio público en lugar de poñelo ao servizo do pobo.

Mentres outros concellos están a aproveitar os fondos europeos e os plans de vivenda para construír vivenda pública, o goberno municipal do Partido Popular limita o futuro de Valga con macroproxectos que non son unha prioridade, mais tamén intentando vender patrimonio público que pertence a todas e todos. A isto engádese o fracaso absoluto do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado no ano 2010, o cal que non favoreceu a construción de nova vivenda, xa que o último edificio construído en Ponte Valga data de 2011.

O BNG de Valga propón que o Concello de Valga ceda estes terreos edificables ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a través dun convenio que inclúa fórmulas de colaboración para promover vivenda protexida en solo público. Ademais, este proxecto podería optar ás axudas dos fondos europeos Next Generation para fomentar a construción de vivenda pública e proxectos de rehabilitación sostible. Tamén se propón que o goberno municipal leve a cabo un estudo e unha campaña de información pública sobre a vivenda en Valga, sobre a que se atopa baleira e a que debe ser rehabilitada, e promover a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Galiza dos residentes que a precisen.

O convenio permitiría que a Xunta de Galiza asumise a construción e xestión da promoción, mentres o Concello de Valga contribúe coa cesión dos terreos, servizos e a tramitación urbanística, convertendo un solo hoxe inutilizado nun proxecto de futuro e interese social. Esta é unha actuación perfectamente viable e con precedentes noutros concellos que apostaron pola vivenda pública como ferramenta para fixar poboación e dinamizar o territorio.

Se houbo vontade para facer convenios “a medida” que acabaron servindo para colocar familiares e achegados do goberno municipal, o BNG de Valga esixe agora a mesma implicación e esforzo para impulsar un convenio con fins sociais e que beneficiaría ás familias valguesas, sobre todo ás mais novas. Para Fran Devesa, voceiro municipal, “a política municipal ten que servir para mellorar a vida da xente”.

O BNG de Valga ten claro que a solución ao problema da vivenda non pasa pola venda de patrimonio público, senón por políticas públicas valentes, transparentes e sociais. En contraposición a isto, a única medida que tomou o goberno municipal en máis de 30 anos foi a prohibición do cambio de uso de baixos comerciais a vivendas, ao que se engade que en todos os orzamentos non se destina nin un só euro para resolver o problema da vivenda en Valga.

O dereito á vivenda é un dereito básico, e o actual goberno municipal ten a responsabilidade de garantir que o solo público se destine ao ben común. Por todo isto, “apostamos por un modelo de concello que poña os intereses da xente por diante doutros intereses que só benefician a uns poucos, e por facer do solo municipal unha ferramenta para construír futuro, fixar poboación e garantir unha vida digna no noso concello”, remata Fran Devesa.

O BNG de Valga solicita ao goberno municipal destinar catro parcelas edificables a vivenda pública