O BNG de Valga solicita, de maneira urxente, a ampliación das prazas do programa de conciliación da Escola de Verán asignadas ao mes de xullo

Unha vez feitas públicas as listaxes de admitidos na Escola de Verán, as quendas de xullo foron completadas todas as prazas e as de agosto quedaron 42 libres, indicativo da falta de previsión do goberno municipal que non tivo en conta a elevada demanda que se rexistra ano tras ano en xullo

O 4 de novembro de 2024 formalizábase o contrato do Servizo de Conciliación e Igualdade do Concello de Valga, asinado entre este e a empresa adxudicataria Servicios Integrales de Formación, S.L. Este contrato, de duración anual e un importe de 139.623 euros, ten por obxecto “desenvolver actuacións no ámbito local relacionados coas bolsas de coidados profesionais que faciliten a conciliación das familias con menores de ata 16 anos, e tamén a sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados”. Os pregos de condicións contemplan, entre outras actividades, un programa de conciliación en verán para favorecer a conciliación das familias valguesas con fillos de até 16 anos.

A escasas dúas semanas de iniciarse as actividades, o 12 de xuño de 2025, abríase o período de inscrición por un prazo de sete días. As prazas ofrecidas foron divididas en catro quendas: 60 prazas do 1 ao 15 de xullo , 60 prazas do 16 ao 31 de xullo, 40 prazas do 1 ao 14 de agosto e 40 prazas do 18 ao 29 de agosto. O 26 de xuño de 2025, o goberno municipal fixo pública as listaxes de admitidos na Escola de Verán que se desenvolverá no Colexio de Baño, na que as quendas de xullo foron completadas as súas prazas, mais nas de agosto quedaron un total de 42 prazas sen cubrir.

O BNG de Valga manifesta a importancia que ten a Escola de Verán para a conciliación da familias valguesas, especialmente durante os meses nos que os centros educativos permanecen pechados. O goberno municipal, unha vez máis, non tivo en conta a elevada demanda que se rexistra ano tras ano, principalmente no mes de xullo e, en particular, a situación ocorrida nesta convocatoria, no que un número importante de nenas e nenos quedarán fóra, o que está ocasionando numerosas queixas de familias que quedaron sen praza.

Ante esta situación, o grupo municipal do BNG esixe ao goberno municipal que amplíe o número de prazas ou engada as 42 sen cubrir de agosto ao mes de xullo, que é o período de maior demanda e no que máis familias se viron afectadas por falta de prazas. Tamén solicitará que, para as vindeiras convocatorias, se engada a última semana de xuño (cubrindo así todo o período non lectivo) e o adiantamento da publicación da convocatoria e apertura do prazo de solicitude, co obxectivo de que as familias dispoñan de tempo suficiente para organizarse no caso de non seren admitidas. A publicación tardía das listaxes de persoas admitidas dificulta enormemente a planificación familiar e laboral, xerando situacións de estrés e desamparo para moitos fogares.

Todas estas medidas solicitadas teñen o único obxectivo garantir que ningún neno ou nena de Valga quede sen acceso a este servizo fundamental para a conciliación familiar, instando ao goberno municipal a aplicar as medidas anteriores con urxencia á actual edición da Escola de Verán, mais tamén de cara a vindeiras convocatorias, atendendo ás necesidades reais da veciñanza de Valga.