O BNG de Valga reivindica o comercio local e de proximidade a través da campaña "mellor local, mellor galego"
O comercio local é un elemento central na economía valguesa que crea riqueza e emprego, polo que é necesario apoiar e fortalecer un sector esencial para o dinamismo económico e social de Valga
Desde o BNG de Valga, mais tamén desde o propio sector, bótase en falta a promoción e apoio do Concello de Valga ao comercio local. O actual goberno municipal do Partido Popular ten abandonado ao comercio, sen programas de apoio ou campañas de dinamización que favorezan as compras no propio concello. Cada compra realizada en Valga axuda a manter viva a economía, creando emprego, fortalecendo a proximidade e garantindo un futuro con máis oportunidades para Valga.
Este abandono e falta de aposta polo comercio valgués ponse claramente de manifesto nos orzamentos municipais para o ano 2026, nos que soamente se destinan 3.000 euros, unha cantidade claramente insuficiente para dita finalidade. Esa cantidade supón que soamente o vindeiro ano, o Concello de Valga investirá 292 veces máis na construción dun parque acuático e resort de cabanas flotantes na antiga barreira de Porto Piñeiro que na promoción do comercio local valgués.
O BNG de Valga aposta decididamente polo comercio local, un elemento central na economía valguesa que crea riqueza e fomenta a creación de emprego, polo que é necesario fortalecer un sector esencial para o dinamismo económico e social de Valga. É urxente que o concello fomente a actividade económica, establecendo liñas de acción política que propicien que os axentes económicos teñan máis facilidades para realizar investimentos e xerar emprego.

O Concello de Valga, pese a súa proximidade a vilas como Cesures e Padrón, onde si se realizan campañas de dinamización do seu comercio, mantén un tecido comercial máis tradicional, en forma de pequeno comercio. Son moitos os comercios rexentados por veciñas e veciños de Valga que, ademais de ser o sustento para as súas familias, manteñen o dinamismo no noso concello durante todo o ano. Os traballadores autónomos son unha peza esencial da economía valguesa, sostendo pequenos negocios, talleres, salóns de peiteado, bares, restaurantes ou iniciativas emprendedoras que dinamizan e xeran riqueza e emprego.
Contar cun tecido comercial forte e enraizado no territorio, desde a proximidade do local, é esencial para o desenvolvemento do país. Por iso débese actuar xa para impedir que siga avanzando o peche de estabelecementos comerciais, os cales xogan un papel moi importante na actividade económica local e na revitalización de Valga, ofrecendo servizos de calidade e confianza e crean emprego estable. Garantir un comercio de proximidade con futuro pasa por mudar hábitos, apostar polo produto local, defender as persoas autónomas para, desta maneira, construír unha economía máis xusta.
Consumir produtos galegos é defender tamén a nosa identidade, o noso traballo e a nosa terra. O BNG de Valga anima a que, non só nestas datas, senón ao longo de todo o ano, mercar en Valga e consumir produto galego sempre que sexa posible, porque cando escollemos o local construímos un concello máis forte e un país con futuro. A calidade está garantida e, ademais, estase deixando a riqueza no pobo, fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de Valga.