O BNG de Valga propón a creación dun espazo municipal de traballo colaborativo que facilite a labor dos emprendedores e atraia o novo talento local

Isto axudaría a dinamizar a vida social e económica de Valga e atraería o novo talento local, facilitando aos emprendedores e persoas que teletraballan un espazo onde desenvolver os seus proxectos, especialmente nos primeiros pasos, cando os recursos adoitan ser escasos.

Nun momento no que Valga sofre un continuo e alarmante despoboamento, unido á saída da súa mocidade en busca de oportunidades laborais fóra, é máis necesario que nunca activar políticas públicas que incentiven a creación de proxectos de vida e traballo dentro do concello. Neste contexto, o apoio ao emprendemento local emerxe como unha ferramenta esencial para reverter esta tendencia, fomentar a creación de riqueza e consolidar unha economía máis sostible, diversa e arraigada en Valga.

O BNG de Valga propón a creación dun espazo de coworking municipal, aproveitando instalacións públicas actualmente infrautilizadas ou en desuso, ou no seu caso, alugar algún baixo comercial privado. Este espazo permitiría ofrecer a persoas emprendedoras, profesionais autónomos/as, pequenas iniciativas empresariais e teletraballadores, un lugar axeitado onde iniciar ou desenvolver a súa actividade, especialmente nos primeiros pasos, cando os recursos adoitan ser escasos.

O coworking non só ofrecería infraestruturas físicas (postos de traballo, despachos compartidos, salas de reunións ou zonas de descanso), senón que estaría concibido como un centro de apoio integral ao emprendemento, cunha programación continua de servizos e actividades formativas adaptadas ás necesidades reais da comunidade profesional e emprendedora local.

A proposta pasaría primeiramente por realizar un estudo de viabilidade para a creación dun espazo de coworking, identificando as instalacións municipais aptas e as necesidades do tecido emprendedor. Posteriormente sería preciso habilitar e equipar o espazo con conexión de alta velocidade, mobiliario, zonas compartidas e privadas, e servizos básicos para o correcto desenvolvemento da actividade profesional. Este espazo establecería un sistema de acceso transparente e rotativo, con criterios obxectivos que garantan igualdade de oportunidades, mais con prioridade para os veciños/as do concello.

Unha vez posto en marcha o espazo municipal para apoiar o emprendemento, debería realizarse unha programación estable de apoio ao emprendemento, que inclúa titorías, formación, asesoramento e eventos de dinamización. Tamén se tería que difundir e promocionar o espazo entre a veciñanza e as entidades locais da contorna, favorecendo o seu uso e a participación activa, avaliando periodicamente o impacto do coworking para mellorar o seu funcionamento e garantir que responde ás expectativas e necesidades reais da comunidade.

Son fundamentais os programas de titorización e mentoría personalizada, para acompañar ás persoas emprendedoras no deseño e lanzamento dos seus proxectos, desde a idea inicial até a súa posta en marcha. Tamén cursos e obradoiros prácticos en áreas clave como o márketing dixital e comunicación en redes sociais., xestión empresarial e financeira, tramitación administrativa e acceso a subvencións, comercio electrónico e posicionamento web, ou competencias dixitais básicas e avanzadas. Tamén se terían que realizar charlas e encontros profesionais con empresarios locais ou emprendedores/as de éxito e especialistas de diferentes sectores que sirvan de inspiración e guía, ademais de servizos de asesoramento individualizado en fiscalidade, estratexias de negocio, legalidade e protección de datos, entre outros.

Este espazo fomentaría a colaboración entre profesionais, creando unha rede local de contacto, intercambio de coñecementos e cooperación entre distintos perfís. Isto favorecería a aparición de proxectos conxuntos, a innovación e o fortalecemento do tecido socioeconómico de Valga. Con esta iniciativa, que será presentada para a súa aprobación no vindeiro pleno a través dunha moción, o BNG aposta por un modelo de desenvolvemento local que combina infraestrutura, formación e acompañamento real ás persoas que deciden emprender. Apostar polo talento local, apoiar novas ideas e crear redes de colaboración é fundamental para garantir que Valga siga sendo un lugar onde vivir, traballar e medrar.