O BNG de Valga propón aproveitar as axudas do IGVS para rehabilitar as antigas casas dos profesores de Baño e destinalas a alugueiro accesible

20260122

Esta actuación permitiría recuperar patrimonio público, creando até seis vivendas públicas en alugueiro accesible e contribuíndo a frear a perda de poboación nova, nun concello como Valga onde a oferta de vivenda en aluguer é practicamente inexistente

O BNG de Valga propón aproveitar as axudas do IGVS para rehabilitar as antigas casas dos profesores de Baño e destinalas a alugueiro accesible

A recente convocatoria de axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, ofrecen unha oportunidade de recuperar as antigas vivendas dos profesores de Baño e ofrecer un réxime de alugueiro a prezos accesibles. Precisamente a falta de alugueiro é unha necesidade urxente en Valga, onde a oferta de vivenda é practicamente inexistente e a perda de poboación, especialmente entre a xente máis nova, é unha realidade moi preocupante.

As vivendas obxecto da proposta son seis casas acaroadas de titularidade municipal, distribuídas en dúas plantas cada unha delas, cunha superficie construída duns 80 metros cadrados cada unha, que contan ademais con xardín propio e un pequeno cuberto na parte traseira. Trátase, polo tanto, dun conxunto de vivendas cunhas características idóneas para o alugueiro, contribuíndo así á fixación de poboación en Valga.

Na actualidade, estes inmobles atópanse sen uso residencial, aínda que algúns deles están a ser utilizados por entidades e asociacións locais. O BNG de Valga recalca que calquera actuación de rehabilitación debe garantir previamente unha alternativa axeitada para estas entidades, de xeito que a recuperación das vivendas non se faga en detrimento das asociacións ou entidades deportivas, senón compatibilizando ambos intereses públicos, procurando de forma consensuada a mellor solución posible.

A convocatoria do IGVS está dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes e permite financiar até o 95 % do custo das obras de rehabilitación, cunha contía máxima por vivenda que pode chegar aos 65.000 euros, cubrindo actuacións de conservación, mellora da habitabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética. Estas particularidades fan que a rehabilitación das antigas casas dos profesores sexa perfectamente viable desde o punto de vista técnico e económico.

O BNG de Valga considera que esta actuación permitiría recuperar patrimonio público, creando até seis vivendas públicas en alugueiro accesible e contribuíndo a frear a perda de poboación nova, ademais de facilitar a emancipación e o acceso á vivenda, nun concello onde o goberno municipal non se está a dar resposta ás necesidades de vivenda existentes.

O Concello de Valga ten a obriga de ordenar o uso do seu patrimonio. É posible dar unha alternativa ás asociacións que hoxe empregan estes espazos e, ao mesmo tempo, poñer en marcha unha política de vivenda pública que Valga necesita con urxencia. “No BNG de Valga temos claro que se pode avaliar tecnicamente o estado das vivendas e solicitar as axudas do IGVS, apostando por unha solución planificada, socialmente xusta e pensada para o futuro das familias e da xente do noso concello”, afirma Fran Devesa, portavoz municipal.

O BNG de Valga propón aproveitar as axudas do IGVS para rehabilitar as antigas casas dos profesores de Baño e destinalas a alugueiro accesible