O BNG de Valga pide que se traslade ao colexio de Baño o Servizo de Madrugadores e esixe explicacións polo cobro indebido deste programa
Malia que este contrato tiña unha duración inicial dun ano, foi prorrogado mediante decreto asinado polo alcalde, polo que o Concello de Valga debe seguir asumindo este gasto e non ser as familias as que pagan directamente á empresa que presta o servizo
O Servizo de Madrugadores é un programa de conciliación que permite que aqueles nenos e nenas que o necesiten, poidan entrar antes da hora lectiva escolar, sendo atendidos por persoal cualificado. É un servizo fundamental para moitas persoas que teñen horarios laborais que non coinciden coa apertura do centro educativo. Na actualidade, este servizo non se está prestando nas propias instalacións do colexio de Baño, senón nun edificio municipal próximo, con accesos deficientes, sen pasos de peóns e obrigando a desprazamentos innecesarios dos nenos e nenas, especialmente en días de chuvia.
Esta situación resulta pouco axeitada desde o punto de vista da seguridade, da comodidade e do sentido común, máis aínda cando no propio centro educativo existen aulas dispoñibles, perfectamente válidas para prestar este servizo nunhas condicións máis axeitadas. Por este motivo, desde o BNG de Valga esíxese ao goberno municipal que realice os trámites necesarios para que o Servizo de Madrugadores se preste no propio colexio de Baño, garantindo así a seguridade dos nenos e nenas.
Este programa forma parte dun servizo municipal de conciliación, cun custo de case 150.000 euros anuais, que inclúe tamén o Programa de Tardes, Concilia Semana Santa, Concilia Nadal, Concilia Entroido, Concilia Verán e o Campus Deportivo de Verán, financiados pola Xunta de Galiza e o Concello de Valga. Malia que este contrato de servizos tiña unha duración inicial dun ano, con inicio o 4 de novembro de 2024, cómpre aclarar que este programa non rematou, xa que foi prorrogado formalmente mediante decreto asinado polo alcalde o 31 de outubro de 2025. Esta prórroga establece que o servizo continúa vixente “polo prazo que sexa necesario para a tramitación dunha nova licitación” e resólvese “aprobar e dispor o gasto correspondente”, é dicir, o Concello de Valga asume o gasto dos programas de conciliación durante o período de tempo prorrogado até un novo contrato.

A pesar desta prórroga, desde o mes de setembro a empresa responsable do servizo está cobrando inxustamente ás familias polo Servizo de Madrugadores, algo difícil de entender cando se trata dun servizo municipal que se debería seguir financiado con fondos públicos segundo a propia resolución asinada polo alcalde. E así se indica na Lei de Contratos do Sector Público, que no seu artigo 49.2 establece que se poderá prorrogar un contrato até que comeza a execución dun novo, mais “sen modificar as condicións do contrato”. Polo tanto, par a o BNG de Valga non ten sentido que este custo se traslade ás familias, as cales están pagando directamente á empresa que presta o servizo.
Ademais, se tal e como defende de forma incomprensible o goberno municipal, a empresa que presta o servizo xa non mantén vinculación co Concello de Valga, resulta contraditorio que sexa esa mesma empresa a que continúe prestando o servizo, utilizando instalacións públicas e cobrando directamente ás familias. Nese caso, deberían ser as propias familias as que puidesen escoller libremente a empresa que mellor lles conveña, e non verse obrigadas a aceptar unha empresa imposta polo goberno municipal.
O BNG de Valga aposta claramente polos servizos de conciliación, porque son moi importantes e necesarios para as familias. Precisamente por isto deben xestionarse de xeito correcto, sen improvisacións e con garantías, sempre pensando no mellor para os nenas e nenas de Valga, e garantindo criterios claros, coherencia e transparencia na súa xestión.