O BNG de Valga pide ao goberno municipal que poña en marcha un plan de limpeza e roza das marxes e cunetas dos camiños e estradas
Da mesma maneira que o Concello de Valga e a Xunta de Galiza esixen á veciñanza a limpeza das fincas nos perímetros de protección contra os incendios forestais, o goberno municipal debe cumprir tamén coas súas obrigas respecto do mantemento as cunetas das estradas
Pasadas xa case catro semanas desde o inicio da primavera, nada se sabe dos plans do goberno municipal sobre a previsión de limpeza e roza das marxes e cunetas dos camiños e estradas municipais. Sendo esta a época de maior crecemento da vexetación, descoñécese aínda a existencia dun plan de mantemento das marxes e cunetas, as cales van acumulando terra e restos orgánicos co paso dos anos, polo que os problemas de seguridade viaria e peonil están xa aparecendo.
Malia que o Concello de Valga conta cun tractorista a xornada completa no seu cadro de persoal, ademais de contar con maquinaria para realizar os traballos, estes non se executan regularmente. A non realización destes traballos na primavera ponse de manifesto tamén no inverno, cando se agrava a situación polas chuvias e a falta de mantemento das marxes e cunetas das estradas municipais.
Respecto da maquinaria da que dispón o concello, unha desbrozadora articulada de brazo e outra fixa para tractor, estas atópanse sen uso estacionadas nunhas instalacións municipais. Tal como pode verse na imaxe que ilustra esta publicación, tal é o abandono da maquinaria que a vexetación está medrando sobre elas sen control.
Desde o BNG de Valga solicítase ao goberno municipal que publique un calendario detallado da previsión de limpeza e roza dos camiños municipais, indicando as datas e os lugares nos que se actuará. Tamén pedirá que se comece na maior brevidade posible con este plan, o cal debería incluír cando menos dous pases ao ano, e non se agarde ao mes de agosto para realizar estes traballos tal e como acontece todos os anos.
Da mesma maneira que o Concello de Valga e a Xunta de Galiza está esixindo á veciñanza a limpeza das fincas nos perímetros de protección contra os incendios forestais nos núcleos de poboación e solos urbanizables, o goberno municipal non debería facer abandono das súas funcións e cumprir coas obrigas respecto do mantemento das marxes e cunetas dos camiños e estradas de titularidade municipal.