O BNG de Valga organiza a primeira Festa da Lingua

Música, poesía, sesión vermú ou un obradoiro para os máis pequenos, son algunhas das actividades programadas para o sábado 21 de setembro na praia fluvial de Ponte Valga, nun evento que ten o obxectivo de consolidarse na programación cultural valguesa

Aínda que previsto inicialmente para o 25 de maio con motivo do Día das Letras Galegas, e adiado pola chuvia, o BNG de Valga organiza a primeira Festa da Lingua que terá lugar o sábado 21 de setembro na praia fluvial de Ponte Valga. Precisamente foi un valgués de Cordeiro, Xesús Ferro Couselo quen impulsou, xunto cos académicos Francisco Fernández del Riego e Manuel Gómez, a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, coincidindo co centenario da primeira edición de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro.

O programa de actividades comezará ás 12:00 horas co coloquio Liberdade para o galego, con Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, plataforma independente, plural e apartidaria, creada en 1986 e que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma.

Posteriormente Pop Voyage DJ será o encargado da selección musical durante a sesión vermú, previo ao xantar popular no que cadaquén pode traer a súa comida.

Ás 17:00 horas terá lugar o obradoiro Pintar o país das letras e outros enredos, dirixido aos máis máis peques, e que consiste nun póster xigante con autores e personaxes literarios no que as nenas e nenos poden colorear.

Chegadas as 20:00 horas será tempo do Recital Rebelde da man da valguesa, nacida na Aldea dos Rebeldes de Campaña, Diana Kurich. A súa obra "Feitas ao sisel" foi a gañadora da décimo sétima edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

O tempo da música ao vivo será ás 20:30 horas con o'leo de matamá (arremecághona's produçións), proxecto musical como cantautor punk de Leonardo Fernández, artista polifacético, filólogo e poeta.