O BNG de Valga esixiu no último pleno que o goberno municipal cumpra coas demandas dos socios e socias do Cordeiro CF que solicitan melloras urxentes nas instalación deportivas
Os campos de fútbol de Campaña son usados por máis de 200 rapaces das diferentes categorías de base, dous equipos sénior, oito equipos do campionato de fútbol de veteranos de Valga, un equipo que participa na liga provincial de veteranos e tamén escolas de verán
Fran Devesa, voceiro do grupo municipal do BNG de Valga, preguntou no último pleno celebrado o 25 de xuño de 2025 se o goberno municipal ía atender as demandas dos socios e socias do Cordeiro CF, os cales levan meses reclamando solucións ante o grave deterioro das instalacións deportivas municipais, nomeadamente os dous campos de fútbol artificial de Campaña e no campo de herba natural de Baño.
Ante este total abandono, que é responsabilidade directa da inacción do goberno municipal, o BNG de Valga xa denunciara publicamente en xaneiro as deficiencias existentes nos campos de fútbol de Campaña, reclamando que se atendese as principais necesidades: instalación de novo céspede artificial e novos sistemas de drenaxe, vestiarios con problemas de salubridade, deficiencias coa auga quente e calefacción, ou a mellora da iluminación para garantir a seguridade. Todo para manter estes campos de fútbol en bo estado, mais tamén unha posta a punto de toda as instalacións deportivas municipais, incluído o campo de Baño.
Cómpre lembrar que nos campos de fútbol de Campaña non só xogan os equipos do Cordeiro CF, senón tamén se disputa o campionato de fútbol de veteranos de Valga e organízanse escolas deportivos de verán, polo que o mal estado destas instalacións afecta de maneira directa a moitos veciños e veciñas. Por desgraza, esta situación de abandono non se limita aos campos de fútbol, esténdese a outras instalacións municipais como a pista de pádel de Campaña, que continúa sen iluminación polo que non se pode usar en horario nocturno, ou as pistas polideportivas do Monte de Beiro, que ante a falta dun programa de mantemento, levan anos nun estado de total abandono e non están aptas para a práctica do deporte.
Este deterioro das instalacións deportivas non é un feito illado, senón unha maneira de gobernar que ultimamente está marcada pola falta de interese e a escasa iniciativa para solucionar os problemas, e que se trasladada a todos os ámbitos, o que afecta de maneira directa ao día a día das veciñas e veciños de Valga.
Desde o BNG pedimos que se asuma responsabilidades e actúen de inmediato para garantir unhas instalacións deportivas seguras e dignas, e sobre todo, que o goberno municipal deixe de facer abandono das súas funcións e asuma os traballos de mantemento regulares e periódicos que precisan estas instalacións deportivas co obxectivo de atender de verdade os intereses dos veciños e veciñas de Valga.