O BNG de Valga denuncia a falta de limpeza e mantemento do espazo público e propón a elaboración dun plan anual para preservar e mellorar as infraestruturas
A actual situación de abandono non é casual, é o resultado dunha absoluta falta de planificación por parte do goberno municipal, o cal está unicamente centrado en megaproxectos cos que alimentar o ego do actual alcalde de Valga
Son cada vez máis as veciñas e veciños de Valga que se queixan da falta de mantemento dos espazos públicos, das infraestruturas ou as graves deficiencias detectadas na recollida de residuos ou na limpeza pública. Ante esta alarmante sensación de abandono que está sufrindo o municipio nos últimos anos, o goberno municipal non actúa, centrándose unicamente en proxectos de obras novas que acrecentarán aínda máis a falta de mantemento no futuro.
Como contraposición á inacción e falta de planificación, o BNG de Valga propón a elaboración dun Plan Anual de Mantemento do Espazo Público no que se calendarice as actuacións e accións preventivas. Este documento estratéxico organizaría e detallaría as accións necesarias para preservar e mellorar as infraestruturas e os servizos do concello. O plan incluiría traballos de mantemento preventivo, correctivo e preditivo para asegurar o correcto funcionamento dos bens públicos.
Manter Valga en bo estado non é un luxo, é unha obriga. Un mantemento axeitado axuda a previr o deterioro e estender a vida útil das infraestruturas, mellora a calidade de vida das persoas ao ofrecer espazos públicos máis seguros e accesibles, evita gastos innecesarios para reparacións maiores ou substitucións prematuras e asegura unha eficiencia dos servizo públicos.
A actual situación de abandono non é casual, é o resultado dunha absoluta falta de planificación por parte do goberno municipal, o cal está centrado unicamente en megaproxectos cos que alimentar o ego do actual alcalde de Valga. A prioridade non deberían ser este tipo de obras que, unha vez finalizadas, precisarán altísimos niveis de mantemento, se non o correcto funcionamento da recollida de residuos, limpeza de espazos públicos e zonas verdes, beirarrúas, iluminación, instalacións deportivas, pavimentos ou a limpeza e roza das cunetas das estradas municipais. A isto hai que engadir a incapacidade do goberno municipal para formar a brigada de loita contra incendios, a cal non prestará servizo este ano. Ademais das tarefas propiamente relacionadas coa prevención dos lumes, esta brigada realizaba labores de roza e limpeza en zonas forestais, co que este ano estes traballos quedarán sen realizar.
Actualmente, o Concello de Valga conta entre o seu persoal cun encargado de obras, dous condutores, un peón, dous electricistas de primeira, un traballador de vixilancia e mantemento, un tractorista e un carpinteiro, ademais de ter vacantes unha praza de oficial de obras e servicios, e outra de persoal de vixilancia e mantemento. Para unha maior eficiencia no mantemento e mellorar a resposta ante eventualidades que se presenten, o goberno municipal, en lugar de cubrir estas prazas vacantes, dedicouse a crear novas prazas innecesarias co único obxectivo de colocar a algún familiar dalgunha concelleira.
O mantemento de Valga non pode ser deixado á improvisación e é necesario acabar con respostas tipo “cando se poida” ou “non é unha prioridade”, que é o que lle está contestando o goberno municipal á veciñanza. Por todo isto, o grupo municipal do BNG de Valga preguntará no próximo pleno municipal polo abandono e falta de limpeza do espazo público, ademais de propoñer a elaboración dun plan anual de mantemento.