O BNG de Valga demanda resolver de maneira urxente as graves deficiencias dos campos de fútbol de Campaña
O goberno municipal fai un abandono das súas funcións ao non ter realizado nunca traballos de mantemento regulares e periódicos a unhas instalacións deportivas que usan semanalmente até 18 equipos e máis de 200 usuarios, gran parte deles rapaces
Os dous campos de fútbol de céspede artificial de Campaña, un construído fai máis de vinte anos e o máis recente que ten xa quince anos, atópanse nun estado de conservación lamentable, debido ao seu uso diario e, principalmente, á falta dun plan de mantemento rutineiro. Estas deficiencias maniféstanse con maior intensidade no máis antigo e nos vestiarios das gradas de ambos campos. Estas instalacións teñen un uso moi intenso, cun total de 18 equipos que as usan, con máis de 200 rapaces das diferentes categorías do fútbol base, dous equipos sénior, nove equipos do campionato de fútbol de veteranos de Valga, un equipo que participa na liga provincial de veteranos e tamén campus deportivos de verán organizados polo Cordeiro.
O campo de fútbol máis antigo, aínda que o máis recente tampouco está nas mellores condicións posibles, ten unha superficie de xogo totalmente impracticable. O céspede artificial está totalmente compactado e duro, o que provoca problemas para a práctica deportiva, ademais de que a drenaxe perimetral atópase saturada, polo que en días de chuvia prodúcense empozamentos, o que provoca que soamente se poida usar este campo con días secos.
Respecto dos vestiarios, ambos os dous atópanse en malas condicións, con humidades, mofo e sen calefacción. O vestiario máis antigo aínda ten un termo eléctrico e o outro a gasóleo, que precisamente esta fin de semana non había auga quente xa que quedou sen combustible. O marcador foi quitado non seu momento para ser arranxado, mais non volveu, polo que na actualidade non hai un indicador de tempo e resultado. As prazas de aparcamento existentes son insuficientes para acoller a todos os coches que na fin de semana se desprazan até estes campos de fútbol.
Independentemente da antigüidade dos campos, o estado actual do céspede artificial estaría en moita mellor condición se o goberno municipal realizara traballos de mantemento, algo que desde a inauguración dos campos nunca ocorreu. Así, non se realizaron labores imprescindibles para conservación do céspede artificial como son o cepillado das fibras, control dos niveis de recheo e da altura da fibra, aspiración e limpeza, descompactación e recebo do recheo, limpeza de pluviais ou o simple uso do sistema de rega para mellorar a interacción da fibra co xogador e así diminuír o rozamento e compactación do céspede artificial.
O goberno municipal fai abandono das súas funcións ao non asumir os traballos de mantemento regulares e periódicos que precisan estas instalacións deportivas, mais tampouco os máis básicos traballos de conservación. Así, quedan sen realizar un gran número de labores que requiren da participación de maquinaria e persoal cualificado neste tipo de superficies de xogo.
O BNG de Valga, ante o descontento e as queixas recibidas polos usuarios destas instalacións, solicitará ao goberno municipal a resolución, de maneira urxente, das graves deficiencias que presentan os dous campos de fútbol de Campaña e se proceda á substitución do céspede artificial do campo máis antigo. Ademais requirirá que se poña en marcha un plan de mantemento que inclúa todas as labores necesarias para a correcta conservación das superficies deportivas de céspede artificial.
Outras instalacións deportivas
O campo municipal de Baño presenta numerosas deficiencias, principalmente nas gradas: ventás obsoletas, falta de pintado e o tellado está composto por pranchas de amianto. A pista de pádel de Campaña non conta con alumeado publico e o pavimento presenta mostras evidentes de deterioro. As pistas polideportivas do Monte de Beiro atópanse completamente abandonadas. O pavillón de Cordeiro ten filtracións de auga pola cuberta e a pista de pádel non se pode usar, deficiencias debidas a obras mal executadas e de deseño, como as alturas do tellado que aínda están sen resolver catro anos despois da súa finalización.
A inexistencia dun plan de mantemento para o equipamento deportivo municipal ten como consecuencia que gran parte das instalacións presenten numerosas deficiencias, algunhas delas moi graves e que imposibilitan o uso da infraestrutura deportiva.