O BNG de Valga considera insuficiente a instalación dun só paso de peóns en Ponte Valga e alerta que incumpre a lei de accesibilidade
Ante a falta de compromiso do Ministerio de Transportes e o conformismo do goberno municipal, Fran Devesa anuncia o inicio dunha recollida de sinaturas para solicitar un plan integral que mellore seguridade viaria da N-550 ao seu paso por Ponte Valga
A N-550, que recibe o nome de Avenida da Coruña ao seu paso por Ponte Valga, constitúe a principal travesía urbana da localidade. É especialmente grave que, nos máis de 1.000 metros polos que a estrada percorre o solo urbano, só existise un paso de peóns regulado por semáforo, que ademais funciona de maneira irregular, obrigando aos veciños e veciñas a cruzar en condicións perigosas. Esta vía segue a manter unha configuración propia dunha estrada interurbana, en lugar de adaptarse á súa realidade urbana. Actualmente, carece de elementos básicos de seguridade viaria e accesibilidade, a pesar de ser a rúa central da localidade e albergar servizos esenciais como o concello, establecementos sanitarios, paradas de autobuses escolares, comercios e estabelecementos de hostalería.
O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou no mes de abril de 2025 unha iniciativa no Congreso para instar ao Ministerio de Transportes a levar a cabo actuacións urxentes de mellora da seguridade viaria na N-550 ao seu paso polo núcleo urbano de Ponte Valga. Demandábase un plan integral que incluíra medidas de remodelación de todas as interseccións, instalación de pasos peonís e a implantación de elementos para o calmado do tráfico.
A resposta do goberno foi que o Ministerio de Transportes “iniciou os trámites tendentes ao estudo”, mais sen concretar prazos, actuacións ou investimentos concretos. Esta mesma semana, o Concello de Valga anunciaba a próxima posta en servizo dun paso de peóns regulado por un semáforo nas inmediacións da Casa do Concello. Malia que o alcalde mostraba a súa satisfacción e agradecía ao Ministerio a realización desta obra, para o BNG de Valga está é unha actuación claramente insuficiente e chapuceira.
Malia ter realizados obras nas beirarrúas da marxe dereita da estrada N-550 este mesmo ano, o goberno municipal non tivo a previsión de ter reservado un espazo máis axeitado para este paso de peóns, pois colocouse xusto pegado ao portal de acceso a un garaxe e debaixo dun poste de iluminación, algo realmente inverosímil. Ademais, a instalación do semáforo que regulará o paso de peóns na marxe dereita da estrada deixa unha anchura de beirarrúa libre de obstáculos de pouco máis dun metro, incumprindo a Lei 8/1997 e o Decreto 35/2000 de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas de Galiza, que esixen un mínimo de 1,80 metros. Para Fran Devesa, mais tamén para a veciñanza que trasladou a súa preocupación ao BNG de Valga, isto non é aceptable, pois o non cumprimento en materia de accesibilidade complicará o itinerario para persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou mesmo carriños de bebé.
Ante a falta de compromiso do Ministerio de Transportes e o conformismo do goberno municipal, o BNG de Valga iniciará unha recollida de sinaturas (asina aquí)para solicitar un plan integral que mellore seguridade viaria da N-550 ao seu paso por Ponte Valga, incluíndo a mellora das interseccións e a creación de pasos de peóns seguros. A actual situación, incluso coa recente instalación dun novo paso de peóns, continúa supoñendo un risco constante para a seguridade das persoas, especialmente en puntos nos que o tránsito peonil é habitual.
Así, solicitarase a mellora da intersección e a instalación urxente dun paso de peóns seguro nas inmediacións do cruce de Cedelo, unha zona especialmente perigosa debido á intensidade do tráfico e á falta de medidas adecuadas de protección para as persoas. Tamén se esixirá a mellora do actual paso de peóns situado xunto á Praza Manuel Vicente Cousiño e a construción dunha rotonda no cruce de Baño e Raxoi, substituíndo ás dúas medias lúas existentes, co obxectivo de garantir unha maior visibilidade para vehículos e persoas.
Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “a seguridade viaria é unha responsabilidade compartida e unha prioridade ineludible para as administracións públicas. As veciñas e veciños de Ponte Valga merecen poder camiñar e cruzar a estrada N-550 con tranquilidade e seguridade, sen poñer en risco a súa integridade física, nin a súa vida”.