O BNG de Valga acompaña ás veciñas e veciños de San Miguel ao Parlamento para reclamar información sobre o polígono agroforestal

20251118

Xunta e goberno municipal de Valga non garantiron a participación da veciñanza desde o inicio, trasladando información confusa aos propietarios dos terreos, xa que asimilaron un polígono agroforestal a unha concentración parcelaria, cando son figuras moi diferentes

O BNG de Valga acompaña ás veciñas e veciños de San Miguel ao Parlamento para reclamar información sobre o polígono agroforestal

O BNG de Valga acompañou a un grupo duns quince veciñas e veciños da parroquia de San Miguel á Comisión de Agricultura do Parlamento Galego (ver vídeo aquí), na que o deputado Luís Bará reclamou transparencia e información sobre o proxecto do polígono agroforestal que a Xunta, co apoio do Concello, pretende impulsar nesta zona. As persoas afectadas, pertencentes ás aldeas dos Martores, As Laceiras e Os Vilares, acudiron ao BNG tras máis de dous anos de silencios, contradicións e falta de claridade, tanto por parte do goberno municipal de Valga, como da propia Xunta.

Na comisión, o deputado do BNG formulou diversas preguntas á directora de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para tentar obter respostas que, até o de agora, non chegaron. Luís Bará lembrou que os datos expostos pola directora na anterior comisión, celebrada no mes de xuño, non se axustaban á realidade porque o número de propietarios que asinaron as máis de 300 alegacións é case o dobre do recoñecido pola representante da Xunta. Este dato é fundamental, posto que o polígono agroforestal só podería executarse co acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70% das terras.

O deputado do BNG tamén recordou que o Concello de Valga xa anunciara publicamente que o polígono estaba pensado para destinalo a viñedo, algo que a directora de Agader negara de maneira reiterada. Tras a insistencia do deputado por saber quen promove realmente esta iniciativa, a directora da axencia recoñeceu que o proxecto xurdiu de conversas co Concello e coa Comunidade de Montes de San Miguel, lembrando ademais que esta última ten dereito de veto. Con todo, non foi quen de explicar porque non se informou previamente á veciñanza, nin tampouco porque non se garantiu a súa participación desde o inicio do proceso. Por último, Luís Bará reclamoulle que desistan dun proxecto que leva meses parado, sen avances reais na súa tramitación, e do que o goberno municipal de Valga deu información confusa aos propietarios dos terreos, xa que asimilou o proxecto de polígono agroforestal a unha concentración parcelaria, cando son figuras moi diferentes.

Malia a insistencia do deputado do BNG para que a directora de Agader recibise a estes veciños, esta negouse, e nin tan sequera puideron entregarlle en man un escrito solicitando unha reunión. No mes de xullo tamén pediron unha reunión coa conselleira de Medio Rural, da cal tampouco obtiveron resposta.

O BNG de Valga apoia as reivindicacións da veciñanza dos Martores, As Laceiras e Os Vilares, que teñen dereito a saber que se pretende facer coas súas terras, mais tamén ser escoitados antes de que se adopte calquera decisión que afecte directamente ás súas propiedades. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “sempre defenderemos a transparencia, o respecto polos dereitos das veciñas e veciños, e un modelo de desenvolvemento que poña por diante as persoas e o territorio, non o espolio nin os intereses alleos á parroquia”.

O BNG de Valga acompaña ás veciñas e veciños de San Miguel ao Parlamento para reclamar información sobre o polígono agroforestal