O BNG pregunta polas recentes obras nas beirarrúas de Ponte Valga e solicita unha mellora integral da mobilidade e accesibilidade do núcleo urbano

En todo o núcleo urbano só existe un paso de peóns e a existencia de postes, estreitamentos, escaleiras ou ramplas con elevadas pendentes converten ás beirarrúas de Ponte Valga nas máis inaccesibles e intransitables de todo o Concello

As beirarrúas de Ponte Valga, construídas fai máis de 25 anos, foron as primeiras beirarrúas que se construíron en Valga, mais son, sen lugar a dúbida, as máis inaccesibles de todo o Concello pola numerosa presenza de postes, estreitamentos, escaleiras ou ramplas con pendentes moi elevadas. Isto fai que sexan intransitables para as persoas maiores, carriños de bebés e persoas con cadeira de rodas ou mobilidade reducida. Nos 1.000 metros polos que a N-550 percorre o solo urbano de Ponte Valga, soamente existe un paso de peóns e un semáforo, que ademais non sempre funciona correctamente.

As recentes "obras de mellora e renovación dos servizos na marxe esquerda da Avenida da Coruña" non melloran a accesibilidade nas beirarrúas de Ponte Valga ao tratarse de actuacións destinadas á mellora dos servizos urbanos, principalmente canalizacións. A isto hai que engadir o uso de formigón coloreado como pavimento, un material que probablemente non sexa o máis idóneo para unha contorna urbana como é esta.

A petición da veciñanza e comerciantes, ambos moi descontentos pola obra, o BNG de Valga preguntou no pleno celebrado o 26 de setembro sobre a execución destes traballos e solicitou unha mellora integral de todas as beirarrúas de Ponte Valga, incluída tamén a marxe dereita. Segundo explicou o alcalde, desde xa fai anos existe un proxecto para mellorar a accesibilidade en Ponte Valga, proxecto que leva tempo presentado a varias administracións, mais sen resposta ningunha. Tamén indicou o alcalde que se solicitou a construción de dúas rotondas e máis pasos de peóns, mais ao igual que o proxecto citado anteriormente, non fixou ningunha data concreta para a súa execución, polo que as veciñas e veciños de Ponte Valga seguirán sufrindo as consecuencias negativas da inaccesibilidade das beirarrúas e a falta de pasos seguros para cruzar a N-550.