O BNG solicita a limpeza inmediata e a restauración do lavadoiro do Forno
Veciños da zona trasladaron ao BNG o seu malestar polo mal estado no que se atopa o lavadoiro e a súa contorna, malia investirse máis de 700.000 € nunha senda peonil que pasa xusto ao seu carón
Desde fai xa anos, o lavadoiro do Forno atópase nun estado de conservación moi deficiente. A pía está totalmente chea de restos vexetais e lixo, desmerecendo este fermoso elemento patrimonial. Recentemente investíronse 737.000 € na construción dunha senda peonil que pasa xusto á beira do lavadoiro, mais nada desta inversión foi destinada á recuperación do lavadoiro.
Este lavadoiro, construído no ano 1950, está situado na estrada que vai do Forno a Socastro. Na actualidade xa non conserva a cuberta que orixinalmente tiña, mais si mantén a pía, as pedras de lavar e a fonte. A este lavadoiro viñan lavar principalmente as mulleres das aldeas Forno e Socastro.
Os lavadoiros son construcións comunitarias feitas ao carón dunha corrente de auga ou dun manancial. Até a construción destes, as mulleres levaban a roupa ao río. Era un traballo de grande dureza física, que esixía unha posición moi dobrada e contacto permanente coa auga. Aínda que na actualidade os lavadoiros perderon a función pola que foron creados, a súa conservación faise moi necesaria como elemento que mantén viva a memoria colectiva da comunidade local, principalmente das mulleres que alí ían lavar. Os lavadoiros formaron parte da nosa historia vital, eran lugares de encontro e socialización, espazos femininos de traballo, mais tamén de lecer e, nalgún sentido, de liberarse dunha vida que, neses momentos, era moi reducida para as mulleres.
Por todo isto, o BNG de Valga solicitou, no pleno celebrado o martes 26, que se proceda á limpeza inmediata do lavadoiro e a súa contorna, e a inclusión deste nun plan de mantemento dos elementos patrimoniais do Concello, así como a redacción dun proxecto para a súa restauración e posta en valor. Ante este rogo, o alcalde respondeu referíndose a outro lavadoiro, o que pon de manifesto o descoñecemento do lamentable estado de conservación no que se atopa este lavadoiro desde fai anos.