O BNG solicita ao goberno municipal que faga cumprir as melloras ofertadas pola empresa encargada da xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Malia que a empresa concesionaria do SAF ofertou melloras como servizos de podoloxía e fisioterapia, máis tamén 3.000 horas adicionais sen custe para o concello, ningunha destes se están sendo ofrecidas aos usuarios actuais nin aos novos solicitantes

O 13 de febreiro de 2024 entrou en vigor o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), adxudicado novamente á empresa Sociser. Con respecto ao contrato anterior de 2022, a nova concesión do SAF supón un aumento nas horas de dependencia ordinaria do 35%, nas de dependencia extraordinarias do 53% e nas horas de libre concorrencia o aumento é do 155%.

Este contrato foi debatido no pleno do 6 de novembro de 2023, momento no que o BNG de Valga propuxo a inclusión de varias melloras, entre elas, un maior control por parte do concello sobre a empresa concesionaria, fórmulas que non favoreceran ás empresas que ofertasen valoración económicas moi baixas, incluír cláusulas sociais ou favorecer a formación continuada das traballadoras. Lamentablemente, ningunha das propostas de mellora realizadas polo BNG foron tidas en conta polo goberno municipal.

Segundo figura no documento de formalización do contrato entre o Concello de Valga e a empresa adxudicataria, Sociser, esta ofertou anualmente as seguintes melloras:

  • 122 horas de podoloxía
  • 122 horas de fisioterapia
  • 122 horas de limpezas de choque
  • 77 horas de acompañamento puntual extrahorario
  • 11 camas articuladas eléctricas con carro elevador
  • 11 colchóns antiescaras
  • 14 grúas de mobilización persoal
  • 3.000 horas adicionais sen custe para o concello

Precisamente esta última mellora, 3.000 horas adicionais sen custe para o concello, foi a que decidiu o concurso xa que Sociser ofertou case catro veces máis horas que a segunda clasificada, nove veces máis respecto da terceira e 37 veces máis respecto da cuarta, feito este que foi decisivo para gañar a licitación do SAF.

Foron varios demandantes deste servizo os que se dirixiron ao BNG preocupados porque non se lle están concedendo horas para novas solicitudes, incluso existindo 3.000 horas adicionais ofertadas pola empresa. Familias de usuarios tamén denuncian que non se lle están ofrecendo servizos de podoloxía, fisioterapia e limpezas de choque, ou tamén camas articuladas, colchóns e grúas de mobilización, todos estes servizos incluídos neste novo contrato.

Ante a crecente preocupación, a elevada demanda da veciñanza de Valga para optar ao SAF e unha listaxe de agarda que supera as trinta solicitudes, Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga, vén de solicitar mediante un escrito dirixido ao alcalde o grao de cumprimento do contrato. Neste escrito pregúntase, entre outras moitos puntos, polo número de horas que se concederon desde o inicio do contrato para os servizos adicionais de podoloxía, fisioterapia ou limpezas de choque, e principalmente, polas 3.000 horas que a empresa ofertou a maiores e cantas desas horas se están ofrecendo para novas solicitudes.

Desde o BNG esíxese tamén que se cubran as baixas e vacacións do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais para que as prazas non queden sen cubrir e así evitar atrasos e acumulación de traballo excesivo para os traballadores municipais. Respecto disto, o Concello de Valga non está cubrindo estas prazas por baixas, o que ten como consecuencia a devolución do importe económico que a Xunta de Galicia, a través do Plan Concertado, destina a Valga para a xestión dos servizos sociais comunitarios municipais.