O BNG solicita a revisión e actualización profunda do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Valga
Malia ser obrigatoria a actualización anual do inventario municipal, Valga non o fai desde o ano 2002, coa conseguinte falta de control sobre os bens que adquiriu o Concello nos últimos 21 anos
Mes e medio despois de telo solicitado, o BNG tivo acceso ao Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Valga. Fran Devesa puido comprobar como o inventario municipal leva sen actualizar desde o ano 2002, é dicir, desde ese ano non hai ningún tipo de control sobre as adquisicións que realizou o Concello nos últimos 21 anos, xa sexan ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, vehículos ou bens inmobles.
O artigo 33.1 do Regulamento de Bens das Entidades Locais (RD 1372/1986, do 13 de xuño) establece que a rectificación do inventario municipal verificarase anualmente, reflectíndose na mesma as vicisitudes de toda índole dos bens e dereitos de propiedade municipal. Non contar cun inventario actualizado supón non ter un control sobre os bens que posúe o Concello de Valga, coas consecuencias negativas que isto supón para unha correcta xestión municipal.
Ao tratarse dun inventario realizado fai 21 anos, os bens que nel se recollen non responde á realidade actual. Nel refléxanse vehículos, equipamento informático ou maquinaria que na actualidade xa non existen, ademais de conter erros respecto da propiedade dalgúns elementos. Outras eivas que presenta o inventario son que todos os inmobles, solares, terreos ou estradas non recollen a xeolocalización, a corresponde clasificación urbanística en relación ao actual PXOM ou a referencia catastral, ademais de conter valoracións non actualizadas.
Fran Devesa solicita “a revisión e actualización profunda do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Valga, coa finalidade de que no vindeiro ano, cumprindo co requisito legal de revisión anual, se presente ao Pleno un inventario plenamente actualizado”. Para o voceiro municipal do BNG de Valga “a transparencia non é só un principio ético, é un dereito que a veciñanza de Valga ten. Un inventario actualizado non só é unha cuestión legal, senón unha ferramenta esencial para unha xestión eficiente e responsable do recursos que pertencen a todas e todos”.
A continuación móstranse algunhas imaxes extraídas do propio Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Valga e que son unha boa mostra da falta de actualización deste.