O BNG propón a creación dun roteiro que conecte o Parque Irmáns Dios Mosquera co Camiño Portugués e a Fervenza de Raxoi

Os obxectivos son conseguir a conectividade de Ponte Valga co Camiño Portugués e a Fervenza de Raxoi, integrar o Parque Irmáns Dios Mosquera no sistema natural da infraestrutura verde do río Valga, e a posta en valor da riqueza natural, paisaxística e patrimonial asociada ao curso fluvial

Desde o labor de fiscalización ao equipo de goberno do Partido Popular, o BNG de Valga tamén realiza unha oposición construtiva, achegando ideas e propostas para mellorar Valga. Tal como se xa se recollía no programa electoral ás eleccións municipais, o BNG propoñía a creación dun roteiro que conectara Ponte Valga e o Parque Irmáns Dios Mosquera, co Camiño Portugués e coa Fervenza de Raxoi, co consecuente beneficio que isto suporía para o núcleo urbano. Outro obxectivo é a visibilización e a posta en valor da riqueza natural, paisaxística e patrimonial asociada ao río Valga.

Agás o Camiño Portugués a Santiago, non existe ningún outro roteiro sinalizado en todo o Concello de Valga. O único sendeiro que percorría integramente o concello era o "PR-G 22 Panorámico de Valga", homologado pola Federación Galega de Montañismo, mais foi descatalogado pola propia federación por falta de mantemento, ao resultar imposible atopar as marcas brancas e amarelas que indicaban a dirección correcta. Outro sendeiro que percorre parte do concello é o "PR-G 21 Cuntis-Valga" que aínda se mantén homologado pola Federación Galega de Montañismo, aínda que como pasou co anterior, é imposible atopar as marcas brancas e amarelas que indican as direccións.

Froito dun traballo de análise, tanto sobre o terreo como tamén usando ferramentas dixitais, o BNG de Valga presenta o deseño para a creación dun roteiro sinalizado, de 4,7 quilómetros de lonxitude, que percorre a ribeira do río Valga desde o Parque Irmáns Dios Mosquera até a Fervenza de Raxoi.

Este trazado é respectuoso co río, coa contorna e co bosque de ribeira, pois apóiase en actuais carreiros e tamén en antigos camiños xa desaparecidos, mais que existían fai anos, feito este comprobado en mapas históricos consultados. Este sendeiro natural está composto por tres treitos, dous resultado da consolidación de camiños e o outro xa existente, o Camiño Portugués a Santiago. Para a  posible execución desta proposta non sería necesario unha grande inversión, pois o trazado dos camiños xa está, soamente debería realizarse unha consolidación destes para facer este roteiro o máis accesible posible. Dos 17 muíños que existen, soamente 4 están en boas condicións ou restaurados. A proposta do BNG non é unha restauración completa dos muíños que se atopan en mal estado, simplemente cunha limpeza da contorna e asegurar as estruturas construtivas destes sería suficiente.

O primeiro treito ten unha lonxitude de 1,3 quilómetros, sendo o Parque Irmáns Dios Mosquera o punto de partida e Chenlo o de chegada. Neste percorrido existen 7 muíños (Muíño de Lamas, Muíño do Poño, Muíño da Veiga do Río, Muíño da Insua, Muíño de Agrelo, Muíño de Pardal e Muíño do Xalleiro) e 2 elementos patrimoniais asociados á auga, a presa do Poño e a mina de auga do Monte Albor.

No segundo treito, de 1,6 quilómetros de lonxitude e coincidente co actual trazado do Camiño Portugués a Santiago, atópanse até 6 muíños (Muíño do Naval, Muíño do Paluso, Muíño Nº 1 de Pedras Rubias, Muíño Nº 2 de Pedras Rubias, Muíño dos Neira e Muíño Nº 3 de Pedras Rubias) e tamén 4 elementos patrimoniais asociados á auga, o corgo do Castelo, a presa de Chenlo, a fonte do Camiño Portugués e o corgo do Outeiro. A pouco máis de 100 metros do camiño, atópase o Castelo da Medela, un dos xacementos arqueolóxicos máis descoñecidos de Valga e que coa creación deste roteiro, xeraríase unha boa oportunidade para a súa divulgación, estudo e posta en valor.

O terceiro treito do roteiro ten unha lonxitude de 1,8 quilómetros de lonxitude. Ten como incio o Camiño Portugués á altura do Pino, e seguindo actuais camiños e tamén outros xa desaparecidos, ten a súa chegada na Fervenza de Raxoi, pasando por 4 muíños (Muíño Nº 2 do Pino, Muíño Nº 1 do Pino, Muíño de Matamá e Muíño da Cima da Fervenza).

O obxectivo deste roteiro é conseguir a conectividade de Ponte Valga co Camiño Portugués e a Fervenza de Raxoi, ademais de integrar o Parque Irmáns Dios Mosquera no seu sistema natural de infraestrutura verde, o río Valga. Coa creación destes novos percorridos tamén se pretende que dous dos puntos cun maior número de visitantes do concello, o Camiño Portugués e a Fervenza de Raxoi, estean interconectados coa capitalidade municipal, favorecendo que estes visitantes poidan chegar até Ponte Valga. Outro obxectivo desta proposta é a de creación dun punto recoñecible, o Parque Irmáns Dios Mosquera, para o inicio dun roteiro con destino á Fervenza de Raxoi.