O BNG reclamou ao Goberno medidas efectivas contra os accidentes con fauna salvaxe na rede viaria de titularidade estatal

Nos tramos ao seu paso por Valga da N-550, de titularidade estatal, e da PO-548, de titularidade autonómica, ocorren a maior parte dos sinistros coa intervención de animais de toda a comarca

O BNG rexistrou iniciativas co obxectivo de reclamar ao Goberno do Estado desenvolver medidas máis eficaces e extensivas para previr os accidentes de tráfico con implicación de animais salvaxes na rede viaria de titularidade estatal en Galiza. Após o anuncio do Ministerio de Transportes sobre a creación dos denominados TEFIVA (Tramos de Especial Frecuencia de Incidentes Viarios con Implicación de Animais) que identifican zonas con alta incidencia de sinistros desta natureza, o deputado do BNG solicitou coñecer as actuacións que ten previsto realizar.

Como resultado da iniciativa de Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, o Ministerio de Transportes fixo público os datos referentes ao 2023, no que chaman a atención o elevado número de accidentes coa intervención de fauna salvaxe na estrada N-550 ao seu paso por Valga. Malia estes números, o Ministerio de Transportes non considera esta estrada como un treito TEFIVA, polo que Néstor Rego solicitou tamén o dato de cantos tramos adicionais serían identificados de eliminarse certos requisitos, como o da existencia de vítimas.

Por outra parte, Néstor Rego exixe que o Goberno estatal estabeleza canles de coordinación coas administracións autonómicas, especialmente coa Xunta de Galiza, para abordar conxuntamente a problemática da sinistralidade viaria por presenza de fauna salvaxe. Incluída na rede de estradas de titularidade autonómica está a PO-548, que vai de Cesures a Vilagarcía, e que ten no Alto de Cordeiro de Valga un punto cunha moi alta incidencia de sinistros coa participación de animais salvaxes, principalmente xabarís.

O BNG considera que o criterio empregado para a declaración de tramos de especial frecuencia de incidentes deixa fóra moitos puntos da rede viaria nos que se producen accidentes de xeito recorrente, e que, malia non cumprir todos os requisitos esixidos para ser considerados TEFIVA, deberían ser obxecto de medidas preventivas.

O deputado galego reclama ademais que os mecanismos de prevención e disuasión que se aplican para minimizar os accidentes con especies salvaxes sexan extensivos a todos os tramos onde se rexistran accidentes de forma habitual, e non só a aqueles considerados de especial incidencia segundo os criterios que aplica o Ministerio.

Finalmente, o BNG lembra que a só sinalización non abonda para garantir a seguranza viaria, polo que reclama a aplicación de medidas complementarias como a construción de pasos de fauna, o valado de marxes nas estradas máis afectadas e a realización de labores de limpeza da flora existente nas marxes das estradas, a comezar por todos os tramos en que se rexistran accidentes de forma habitual, non só nos declarados de especial incidencia. Rego insta o Ministerio a reconsiderar a súa postura e a adoptar unha política máis ambiciosa e eficaz para reducir os accidentes con animais nas estradas galegas.