O BNG reclama ao Concello que esixa á Deputación o remate das obras na ponte sobre o río Louro en Barcia, unha vez concluído o prazo de execución

Residentes de Barcia, A Canle, Balleas, Barro e Os Cotriños trasladaron ao BNG de Valga o seu malestar polo retraso no remate dunhas obras que tiñan que ter finalizado xa o 29 de decembro de 2023

As obras de “mellora da drenaxe” na estrada provincial EP-8504 (O Forno-As Cernadas) contemplaban a ampliación da ponte sobre o río Louro en Barcia, na que, segundo o propio Concello de Valga, se incluían “traballos de demolición do paso sobre o río Louro para construír despois unha nova ponte que con maior capacidade e que dea solución á problemática que, até o de agora, xeraban na zona as crecidas do río”.

Estas actuacións están sendo executadas pola Deputación de Pontevedra grazas a que veciños de Barcia cederon gratuitamente as súas parcelas. As obras obrigaron a cortar o tráfico na zona desde o día 20 de setembro de 2023. Isto implica que, desde ese día, o tránsito de vehículos estase vendo claramente afectado, sendo os máis prexudicados a veciñanza das aldeas de Barcia, A Canle, Balleas, Barro, Os Cotriños e tamén Cerneira.

As obras, denominadas “Ampliación de obras de drenaxe na EP-8504 Forno-Cernadas no P.Q. 0+530 e no P.Q. 4+670 (Concello de Valga)”, tamén contemplaban unhas actuacións semellantes no Reguengo, xa finalizadas. A Deputación de Pontevedra adxudicou, o 19 de maio de 2023, á empresa MONCOSA OHS, S.A. ditas obras por un importe de 268.973,62 euros (IVE incluído) e un prazo máximo de execución de catro meses.

Con data 29 de xuño de 2023 formalizouse entre o director de obra e o contratista a acta de comprobación de replanteo, establecendo nese momento coma data para finalizar a obra o día 29 de outubro de 2023.

Finalizado o prazo de execución e ante a petición da empresa MONCOSA OHS, S.A. para ampliar dito prazo debido a “retrasos producidos no subministro de pezas de formigón pretensado para estruturas”, a Deputación de Pontevedra concedeulle unha ampliación de dous meses na execución das obras, establecendo como data para finalizar a obra o día 29 de decembro de 2023.

Residentes das aldeas máis afectadas polo corte da estrada trasladaron o seu malestar ao BNG, fartos dunhas obras que se están alongando no tempo máis alá do prazo establecido pola propia Deputación de Pontevedra, o 29 de decembro de 2023, data fixada despois de ser ampliado dous meses máis o prazo de execución inicial.

Segundo contan os veciños da zona, a obra non avanza a bo ritmo e temen que o corte da estrada se vaia alongar aínda algúns meses máis. En diferentes visitas realizadas por membros do BNG de Valga, púidose comprobar como o que contan os veciños é totalmente certo, xa que quedan moitos traballos pendentes de realizar e o número de traballadores presentes na obra é claramente insuficiente, reducíndose nalgún día a soamente un traballador.

Desde o BNG de Valga esíxese ao alcalde de Valga que se dirixa, na maior brevidade posible, á Deputación de Pontevedra para reclamar a finalización das obras de ampliación da ponte sobre o río Louro en Barcia, unha vez que a data prevista para o remate das obras concluíu e as molestias que este retraso está supoñendo para a veciñanza da zona.