O BNG propón converter a Procesión dos Lacóns de Vilar en Ben de Interese Cultural

O grupo municipal do BNG de Valga vai presentar unha moción no pleno que se celebrará a finais de febreiro instando ao Concello a solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural á Xunta de Galiza

A Procesión dos Lacóns de Vilar é unha tradición única, en Galiza e no mundo, e débese de conservar, por en valor e promover para que chegue vizosa ás novas xeracións e non esmoreza. O BNG propón que esta tradición sexa recoñecida como Ben de Interese Cultural no apartado de Patrimonio Inmaterial e que, alén desta declaración, sexa promovida polo Concello como merece. O obxectivo é darlle máis visibilidade a esta celebración, protexendo o interese etnolóxico, así como a súa capacidade para xerar riqueza local.

A moción será presentada no próximo pleno e ten como obxectivo o recoñecemento desta tradición, cunha nova ferramenta para a difusión e a posta en valor dunha celebración organizada polos veciños de Cordeiro.

A Procesión dos Lacóns é unha das tradicións culturais máis antigas e senlleiras das que se celebran en Valga. A orixe desta procesión remóntase a mediados do século XIX, cando unha epidemia causou unha grande mortaldade no gando, momento este que provocou que os veciños comezaran a ofrecer lacóns aos santos para que a peste desaparecera.

O 25 de xaneiro, festividade de San Paio, as imaxes de Santo Antonio e San Roque trasládanse desde a Igrexa Parroquial de Santa Comba de Cordeiro até a Capela de San Paio en Vilar, permanecendo nesta algo máis dunha semana, até que, coincidindo co Día da Candeloria, ambos santos, acompañados de San Paio, regresan en procesión á igrexa parroquial. Segundo contan os veciños, antigamente a festa de San Paio dábaa unha parella que se acababa de casar, para bendicir o matrimonio, mais esta tradición perdeuse co tempo.

Posteriormente, o 2 de febreiro, coincidindo co Día da Candeloria, a Procesión dos Lacóns percorre varios lugares da parroquia de Cordeiro (Vilar, Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro), partindo desde a Capela de Vilar e chegando á igrexa parroquial. Maioritariamente son as mulleres as que portan sobre as súas cabezas cestas con lacóns que son puxados no adro da igrexa unha vez rematada a procesión. A diferenza coa festa de San Paio, no Día da Candeloria a procesión vai facendo paradas nas aldeas para coller folgos e os veciños poidan venerar a Santo Antonio, San Roque e San Paio.

Os Bens de Interese Cultural son aqueles bens, inmaterial no caso da Procesión dos Lacóns, máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galiza, declarados por decreto do Consello da Xunta de Galiza. A declaración da Procesión dos Lacóns como Ben de Interese Cultural viría a dar unha maior visibilidade a esta celebración, protexendo o interese etnolóxico, a súa función social e a riqueza cultural e patrimonial que representa. Tamén se conseguiría ter acceso a liñas de subvención que repercutirían directamente na súa posta en valor, estudo e difusión, dunha celebración que é organizada directamente polos propios veciños de Cordeiro.

A solicitude deberían incluír o conxunto de celebracións, desde a festividade de San Paio o 25 de xaneiro, até o 2 de febreiro, Día da Candeloria, que é cando se realiza a Procesión dos Lacóns. De conseguirse a súa declaración como Ben de Interese Cultural, converteríase no terceiro BIC de Valga, despois do Petróglifo da Pedra da Serpe e do Funicular de Transporte Aéreo de Materiais de “Novo y Sierra” en Campaña, mais no caso da Procesión dos Lacóns, sería o primeiro coa condición de Patrimonio Inmaterial.

Na actualidade, teñen a condición de Ben de Interese Cultural celebracións como a Festa dos Fachós de Castro Caldelas, o Folión de Fachas de Vilelos, a Queima das Fachas de Castelo, as festas do Corpus Christi de Ponteareas, ou máis recentemente o Entroido.