O BNG propón a inclusión de varias melloras na nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
Maior control por parte do concello sobre a empresa concesionaria, fórmulas que non favorezan ás empresas que oferten valoración económicas moi baixas, incluír cláusulas sociais ou favorecer a formación continuada das traballadoras, foron algunhas das melloras que propuxo o BNG
No pleno do luns 6 de novembro de 2023 debateuse a nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), servizo que está sendo prestado na actualidade pola empresa de Silleda Sociser Galicia, S.L.U. A duración de execución deste contrato era de dous anos iniciais, contados desde o día 1 de xaneiro de 2022, e con posibilidade de sucesivas prórrogas anuais até un máximo de 4 anos totais de duración. Tendo en consideración estas datas, o contrato inicial de dous anos finalizaría en menos de dous meses, e segundo figura no expediente da actual licitación, a previsión de inicio do novo contrato sería xaneiro de 2024. Nada se di na documentación que forma o expediente de cal ou cales son as razóns para non prorrogar o contrato actual, algo que debera quedar recollido nos informes. Miguel Lois, concelleiro do BNG, trasladou ao alcalde este punto, mais a única resposta foi que “estamos contentos coa actual empresa”.
O obxecto deste contrato é a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a persoas dependentes valoradas como tales, no seu domicilio (dependencia) e aquelas persoas que o soliciten, non catalogadas como dependentes, abonando ao Concello de Valga, a cota establecida na Ordenanza Fiscal Reguladora, do xeito indicado na mesma (libre concorrencia).
No ano 2023, a Xunta de Galicia, a través do Servizo de Atención á Dependencia, ten concedidas ao Concello de Valga un total 3.202 horas mensuais, ou o que é o mesmo, 38.424 horas anuais. Segunda figura no Informe de Servizos Sociais, o Concello de Valga no ano 2023 estaría realizando unha atención de 37.321,08 horas anuais, é dicir, 1.102,92 horas ao ano menos das que ten adxudicadas. Á pregunta do BNG de porque non se aproveitan a totalidade das horas concedidas, non se obtivo ningunha resposta por parte do alcalde.
O incremento nas horas de dependencia ordinaria é do 35%, nas de dependencia extraordinarias é do 53% e nas horas de libre concorrencia o aumento pasa a ser do 155%, malia non aumentar o número de usuarios de libre concorrencia desde o 2019, ano que había 4, en abril de 2021 eran 3, e en setembro de 2023 son 2. A isto tampouco se obtivo resposta da alcaldía.
Miguel Lois puxo de manifesto que o cálculo realizado para o dimensionamento do servizo era erróneo, pois segundo figura na listaxe de subrogación as 29 auxiliares teñen unha dedicación media do 75%, o que equivalería un número inferior ás 21,88 persoas a xornada completa propostas. Ademais, no cálculo do persoal necesario para prestar o servizo, soamente se teñen conta as horas efectivas de traballo dun auxiliar (1.705), cando debera considerarse as horas brutas anuais (1.755), posto que os desprazamentos forman parte da xornada laboral e computarían para o cálculo do persoal necesario, cando menos entre dous desprazamentos consecutivos. Ningunha resposta se obtivo do alcalde ante esta proposta
A empresa que actualmente xestiona o servizo, Sociser, ofertou varias melloras, entre elas a contratación de profesionais, incluíndo a persoas en situación de exclusión social e o fomento do emprego indefinido até o 97%. Á pregunta do concelleiro do BNG sobre cantas persoas foron contratadas desde o inicio do actual contrato, non houbo resposta algunha do alcalde. Respecto do fomento do emprego indefinido, os datos que se extraen da listaxe de subrogación son que, das 30 traballadores, 23 teñen un contrato indefinido, é dicir un 76%, lonxe do 97% ofertado. Isto é unha mostra da falta de control que o Concello de Valga exerce sobre a empresa concesionaria.
Os principais incrementos dos custes do servizo recaen nas partidas de gastos de quilometraxe (334,2%), compras mercadorías, materias primas e outros (84,6%) e servizos de profesionais independentes (177,8%). Sen embargo, os gastos de persoal aumentan nunha proporción moito menor en comparación co resto, sendo un incremento do 59,8%. O alcalde, outra vez máis, non respondeu a este respecto.
A hora ordinaria de dependencia fíxase en 19,33 euros a hora, un 21,4% máis respecto do 2021, e para a hora extraordinaria (domingos e festivos) 21,07 euros a hora, cun incremento menor, o 14,4%. Miguel Lois preguntou o porque dun menor incremento na hora extraordinaria, mais novamente non houbo resposta do alcalde.
Respecto dos prezo nas horas que se propoñen na licitación, o concelleiro do BNG puxo como exemplo o SAF de Ribeira deste ano, no que se contempla un prezo de 23,27 euros a hora de dependencia e 24,61 euros a de libre concorrencia. Comparando con Valga, supón 3,95 euros máis na hora ordinaria e 3,55 na hora extraordinaria, ou o que é o mesmo, un 20% e un 17% máis respectivamente, moi por enriba da licitación de Valga. Isto pon de manifesto que se hai vontade política para financiar os servizos sociais pódese investir máis no Servizo de Axuda no Fogar.
Segundo figura no expediente, contémplase nos pregos a posibilidade de modificación do futuro contrato de até un 20% segundo o estipulado na Lei de Contratos do Sector Público. Nesta licitación non se aplica o IVE, cando na licitación do 2021 si se facía constar, polo que 23.209,50 euros non se están reflectindo nos custes do servizo. O BNG non obtivo resposta do alcalde sobre este punto.
A redacción destes pregos é un copia e pega dos do ano 2021. Non se inclúen modificación algunhas que puideran mellorar a prestación do servizo, tanto para os usuarios como para as traballadoras. Segundo o ofertado por Sociser, adxudicataria actual do servizo, esta propoñía a utilización de indicadores ou medidores para a avaliación do servizo (utilización de enquisas e visitas a domicilio periódicas para levar a cabo a recollida de información, e posteriormente trasladala a usuarios e técnicos, e propoñer as melloras necesarias) propoñendo medicións con máis relevancia de cara a mellorar a eficacia e a eficiencia do SAF. Respecto disto, Miguel Lois preguntou que se toda a información recollida nestas medidas de mellora continua ofertadas, no casto de existir, porque non se recolleron nos actuais pregos de condicións. Unha vez máis, non houbo resposta do alcalde sobre este asunto.
O criterios de valoración das ofertas presentadas son criterios que soamente están favorecendo ás ofertas máis baratas, sen fixar ningún límite de temeridade concreta para a fixación do prezo. Partindo de que o prezo proposto nesta licitación xa é de por si moi baixo, que se estea primando as baixas económicas só levará ao empeoramento na prestación do servizo, tanto para usuarios como para as traballadoras.
Respecto dos criterios de valoración subxectivos, dependentes dun xuízo de valor, o BNG propuxo que estes foran máis concretos e claros, ademais de propoñer que persoal técnico especializado valorara as propostas técnicas das empresas. No último contrato o informe de valoración deste punto foi asinado por unha única persoa. Na opinión do BNG, na valoración da oferta técnica, debera intervir máis persoal técnico especializado que unicamente unha soa persoa, e considerando tamén a participación de técnicos alleos ao Concello de Valga, tal como se recolle na Lei de Contratos do Sector Público ao referirse aos comités formado por expertos con cualificación apropiada.
Desde o BNG, Miguel Lois tamén alertou de que nos actuais pregos non se contempla ningunha cláusula social que sexa puntuable. Así, empresas que oferten fomentar o emprego indefinido ou a contratación de traballadores fixos, empresas cunha porcentaxe de traballadores con discapacidade superior ao que lles impoña a normativa ou empresas que inclúan medidas de carácter social e laboral que favorezan a igualdade de oportunidades, ningunha puntuación van obter por estas melloras xa que nos criterios de valoración nada se di destas medidas. Non se introduce a perspectiva de xénero na redacción dos pregos, aínda sendo as mulleres as que realizan os coidados. Tampouco se valora a formación continuada que deberan ter todas as traballadoras.
Respecto dunha das demandas máis común das traballadoras, cobrar polo servizo que se tiña contratado de antemán e que no último momento o usuario cancela, o BNG propuxo que se recollera especificamente nos pregos este suposto, mais como con todas as propostas anteriores, ningunha resposta se obtivo do alcalde.
Por ser este un servizo que afecta tanto a usuarios como a traballadoras, os dous concelleiros dos BNG non votaron en contra do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), aínda contando este con moitas deficiencias e sendo claramente mellorable. Con esta nova licitación, cando menos, as traballadoras verán actualizado o seu salario coas táboas salariais do 2023, e non coas do 2022 como viña sendo até o de agora. Ademais, o importe que cobrarán por quilómetro de desprazamento pasará de 0,18 euros a 0,43 euros, aínda sendo este insuficiente.