O BNG propón a creación dun Bono Nadal para incentivar as compras no comercio local

Este bono dinamizaría o consumo no comercio local, tendas, restaurantes, cafeterías ou salóns de peiteado, cunha incidencia directa na economía valguesa

Desde o BNG de Valga, mais tamén desde o propio sector, bótase en falta a promoción e apoio do Concello de Valga ao comercio local, quen ten realizado algunhas actuacións, aínda que claramente insuficientes e de moi limitado alcance. O actual equipo de goberno do Partido Popular ten abandonado ao comercio local, sen programas de apoio ou campañas de dinamización que favorezan as compras no propio concello.

A realidade actual do comercio en Valga non é a idónea, falta un apoio total desde o Concello para que este poida desenvolverse e diversificarse. Para isto habería que desenrolar programas de promoción económica, campañas para incentivar o consumo ou incluso modificacións urbanísticas que consigan crear núcleos urbanos consolidados nos que poida asentarse con garantías o comercio.

O BNG de Valga aposta decididamente polo comercio local, un elemento central na economía valguesa que crea riqueza e fomenta a creación de emprego, polo que é necesario fortalecer un sector esencial para o dinamismo económico e social de Valga. É urxente que o concello fomente a actividade económica, establecendo liñas de acción política que propicien que os axentes económicos teñan máis facilidades para realizar investimentos e xerar emprego.

O Concello de Valga, pese a súa proximidade a vilas como Pontecesures e Padrón, ou cidades como Pontevedra e Santiago, mantén un tecido comercial máis tradicional, en forma de pequeno comercio. Son moitos os comercios rexentados por veciñas e veciños de Valga que, ademais de ser o sustento para as súas familias, manteñen o dinamismo no noso concello durante todo o ano.

No últimos anos vense sufrindo unha crise de prezos e un aumento da carestía da vida. Para o BNG de Valga é importante poñer en marcha medidas no curto prazo que axuden a mitigar o impacto desta situación. É innegable que os prezos dos bens e servizos aumentaron sen unha subida aparellada do poder adquisitivo da poboación, polo que propón ao goberno local de Valga que poña en marcha un Bono Nadal que, por un lado, axude ás familias a acceder a estes bens e servizos durante a época de Nadal e, por outro lado, que sexan os pequenos comercios da nosa localidade onde recaia esta axuda. Cun investimento de 30.000€ por parte do concello, o 25% do custo do bono, estarían mobilizándose 120.000€ entre os diferentes comercios de Valga.

O BNG de Valga fai un chamamento a consumir no comercio local e a consumir produto local polas vantaxes de apostar polo feito en Galiza. A calidade está garantida e, ademais, estase deixando a riqueza no pobo, fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social do concello.