O BNG presenta unha candidatura cunha renovación de máis do 90%
Destacan a presenza de xente moza con gañas de traballar por unha Valga máis diversa
O BNG de Valga fai pública as persoas que formarán parte da súa candidatura, onde máis do 90% (sen contar os tres suplentes) son persoas novas que nunca formaran parte dunha lista. Esta está composta por persoas de todas as parroquias de Valga, nas que destacan a presenza de xente moza con gañas de traballar por unha Valga máis diversa. As tres persoas que ocupan os postos de suplentes son membros históricos do BNG aos que se lle quixo dar presenza na candidatura como forma de agradecer todo os seu traballo que durante anos fixeron para a agrupación local.
A continuación indicamos unha pequena biografía de cada un dos candidatos.
Nº 1 Fran Devesa Senín
Francisco Ramón Devesa Senín naceu en Ponte Valga, aínda que na actualidade reside en Cimadevila, onde é pai de dúas nenas. Estudou Formación Profesional. No 2015 emprendeu un negocio de turismo sostible que en poucos anos se converteu nun referente de calidade turística a nivel estatal. Desde moi novo é militante do BNG. Participa activamente en asociacións culturais e movementos sociais de Valga. Foi presidente da Asociación Cultural Os Penoucos, membro de obaixoulla.gal e coorganizador do festival de música independente ArteNativa, dos Ciclos de Cinema Social de Valga e do Carolina Son.
Nº 2 Miguel Lois Barreiro
Nacido en Ponte Valga e futuro residente de Baño (Xanza). Estudou Enxeñería Técnica Agrícola e Máster en Arquitectura da Paisaxe. Traballa como técnico de parques e xardíns nunha empresa multinacional provedora de servizos medioambientais e colabora en estudios de paisaxismo. Na actualidade é o presidente da Asociación Cultural Os Penoucos, xestor dos contidos de obaixoulla.gal e membro do Padroado da Fundación Rosalía de Castro.
Nº 3 Sandra Seoane Saborido
Nacida na aldea do Carballiño (Xanza), aínda que na actualidade reside en Ponte Valga. Estudou Química Ambiental e traballa na industria da alimentación.
Nº 4 Candela Rodríguez Devesa
Medrou entre Senín (Xanza) e Louro (Setecoros), e actualmente reside no Sixto (Xanza). Estudou Filoloxía e cursa un Máster. É membro do Clube de Karate Valga, traballa a tempo parcial nun circuíto de karting e colabora cun equipo amateur de karting.
Nº 5 María Pilar López Vidal
Veciña de Cimadevila, é licenciada en Administración e Dirección de Empresas e titulada en Enxeñería Técnica Forestal, profesión á que se dedica na actualidade. Foi presidenta da ANPA Pequeval do CRA de Valga e actualmente é membro do consello escolar do CEIP de Baño-Xanza.
Nº 6 Alexandre Chorén Campaña
Nacido no Forno (Cordeiro), é diplomado en Maxisterio e Técnico Superior en Actividades Físico-Deportivas. Actualmente exerce como director de centro dentro dunha multinacional.
Nº 7 Sara Seco Rial
Veciña de San Miguel, graduouse en Ciencia Política e Administración Pública e traballa na Mesa pola Normalización Lingüística, aínda que tamén é creadora de contido dixital en TikTok.
Nº 8 Adrián Pardal Serramito
Nacido na aldea do Souto, aínda que con 8 anos mudouse para A Rúa Nova, ambas as dúas na parroquia de Campaña. Estudou dous ciclos de Formación Profesional: Farmacia e Saúde Ambiental. Traballa como caixeiro e repoñedor nun supermercado, aínda que tamén exerce como Monitor de Ocio e Tempo Libre.
Nº 9 Berta Magariños Blanco
Veciña de Desabanda, é titulada en Técnico Especialista en Estética, traballo ao que se dedicou durante máis de 20 anos. Recentemente deu un xiro profesional na súa carreira e actualmente traballa no sector da sanidade, xa que tamén é Técnica en Coidados Auxiliares de Enfermería. Compaxina o traballo no Hospital do Barbanza, coa ampliación da súa formación co ciclo de Técnico de Laboratorio Clínico e Biomédico.
Nº 10 David Dadín Crespo
Nacido en Aios (Sanxenxo), aínda que residente en San Miguel desde fai máis de 10 anos. Dedicouse sempre á fontanería e electricidade, ata a crise do 2008, ano desde o cal traballa no sector do aluminio como matricero.
Nº 11 Jennifer Blanco Serramito
Nacida na Devesa (Campaña) e residente en Ponte Valga. É titulada en Técnico en Farmacia, profesión que exerce na actualidade.
Nº 12 Susana Barreiro Gómez
Nacida en Ponte Valga, foi presidenta da ANPA do IES de Baño e segue vinculada coa institución formando parte do Clube de Lectura de maiores. Traballa facendo enquisas por toda Galiza.
Nº 13 Luis Miguel Sanmarco Janeiro
Nacido en Paredes. É artesán de instrumentos musicais e mestre de música tradicional. Forma parte da xunta directiva da AGG (Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegxs).
Suplente Nº 1 Milagres Bouzón Castroagudin
Nacida en Beiro (Cordeiro), traballa como profesora na educación pública.
Suplente Nº 2 María Dolores Barreiro Ferro
Nacida no Forno (Cordeiro), traballa como administrativa na administración autonómica.
Suplente Nº 3 Xosé Manuel Martínez López “Peke”
Nacido en Carracido (Cordeiro), é licenciado en Xeografía, Historia e Arte, e foi concelleiro do BNG durante 8 anos.