O BNG preguntará no Pleno polas deficiencias nas obras das beirarrúas de Ponte Valga

Veciños, comerciantes e e propietarios de negocios xa manifestaron o seu malestar polas obras e os cortes de auga cunha antelación inferior a 24 horas

As beirarrúas de Ponte Valga, construídas fai máis de 25 anos, son sen lugar a dúbida, as máis inaccesibles de todo o Concello pola numerosa presenza de postes, estreitamentos, escaleiras ou ramplas con pendentes moi elevadas. Isto fai que sexan intransitables para os maiores, carriños de bebés ou persoas con cadeira de rodas.

Unha soa imaxe mostra como as "obras de mellora e renovación dos servizos na marxe esquerda da Avenida da Coruña" non só non melloran a accesibilidade nas beirarrúas de Ponte Valga, senón que as fan aínda máis intransitables do que xa eran.

A isto hai que engadir o uso de formigón coloreado como pavimento, un material que probablemente non sexa o máis idóneo para un entorno urbano como é este.

A petición da veciñanza, moi descontenta pola obra, o BNG de Valga preguntará no Pleno sobre a execución destes traballos e solicitará unha mellora integral de todas as beirarrúas de Ponte Valga, incluída tamén a marxe dereita.