O BNG pregunta pola xestión da escola infantil, sen contrato desde o 9 de outubro de 2022

O novo contrato, publicado o 1 de marzo de 2023, foi declarado deserto ao non recibir o Concello ningunha oferta, o que indica unha deficiente redacción dos pregos de condicións

No pleno celebrado o martes 27 de setembro, o BNG preguntou polo contrato para a “Xestión Escola Infantil Municipal de Valga”. Este contrato foi adxudicado o 9 de outubro de 2017 á empresa Aurora, Pilar y Ana, S.L. por 163.884,75 € anuais, durante catros anos, prorrogado por un ano o 9 de outubro de 2021, polo tanto con data de finalización de 9 de outubro de 2022.

Con data 1 de marzo de 2023 foi publicado o novo contrato para a xestión da escola infantil, para un período de 2 anos iniciais, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, por 266.699,90 € ao ano. Esta licitación resólvese o 11 de abril de 2023 declarándose deserto, posto que o Concello non recibiu ningunha oferta. Isto último indica que a redacción dos pregos de condicións non foi a máis acertada, cun importe de licitación inferior ao que realmente precisaría a escola infantil.

Tendo en conta todo o anterior, a escola infantil municipal atópase sen contrato desde o 9 de outubro de 2022, polo que a empresa concesionaria en 2017 segue prestando o servizo en precario coas consecuencias negativas que isto implica á hora de prestar dito servizo.

Ante a pregunta do BNG, a sorprendente resposta do alcalde foi que “non hai deterioro ningún no servizo”, algo que evidentemente non se axusta á realidade actual da escola infantil, onde nos últimos meses aumentou o descontento por parte das nais e pais coa empresa concesionaria. Segundo o propio alcalde, actualmente estanse redactando uns novos pregos condicións que contemplan unha subida no importe do contrato, mais non fixou ningunha data concreta para a publicación da nova licitación, polo que a escola infantil continuará sen contrato.