O BNG de Valga levará ao Pleno os problemas de cobertura telefónica móbil na aldea dos Martores

Fran Devesa pide medidas diante da falta de cobertura móbil que padece a veciñanza dos Martores ou das Cernadas, mais tamén o despregamento completo da fibra óptica ao conxunto das parroquias de Valga

O grupo municipal do BNG reclamará no vindeiro pleno municipal, a través dunha iniciativa rexistrada no Concello, que o goberno municipal leve a cabo todas as actuacións que sexan necesarias para solucionar a situación de nula e deficiente cobertura móbil que se padece nos Martores. Segundo explica Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “esta situación está a dificultar gravemente as comunicacións de toda a veciñanza”.

Así como nos Martores a cobertura é nula, noutras aldeas o sinal é moi débil, como no caso das Cernadas ou nos Vilares, provocando continuos cortes durante as conversacións ou que a calidade do son enviado e recibido sexa mala, cuestións ambas que dificultan enormemente o mantemento dunha comunicación adecuada. Desde o BNG esixirase ao goberno municipal Valga a que demande á Xunta e ao Estado a traballar conxuntamente para buscar unha solución para os veciños afectados pola falta de cobertura telefónica e demandar así mesmo da compañía telefónica a disposición dos sistemas técnicos necesarios para facilitar unha boa cobertura telefónica cunha calidade aceptable para o desenvolvemento da vida persoal e profesional.

Na sociedade actual o acceso a unha rede de telefonía é un elemento básico e imprescindible para as e os veciños poderen desenvolver as súas vidas persoais e profesionais en condicións de igualdade de oportunidades. Non en balde, a propia Unión Europea consagrou en setembro de 2016 esta cuestión como un dereito fundamental. Por estes motivos, desde o BNG de Valga reclamaranse medidas específicas para resolver esta situación e tamén “ter en conta a existencia destas e doutras posibles zonas de sombra na cobertura móbil en Valga”.

Retrasos no despregamento da fibra en Valga

Segundo o publicado polo propio Concello de Valga, o Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEBANG 2019) contemplaba que, aqueles lugares que non contaban con fibra óptica en 2019, dispuxeran dela a mediados do ano 2022. Pois ben, en pleno 2024, non só vivendas individuais, senón incluso núcleos enteiros seguen sen contar con fibra, unha situación que afecta negativamente ao desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial de Valga.

Desde o BNG esíxese o despregamento da fibra óptica a todo o territorio municipal, tal como se contemplaba no PEBANG 2019. Este servizo de internet de alta velocidade é urxente que se implante no conxunto das parroquias do concello, tanto a particulares como para as pequenas empresas e autónomos, para permitirlles ser máis competitivos no aspecto económico ou educativo.

Fran Devesa manifesta que “son moitos veciños que se seguen dirixino a nós para queixarse desta situación. É incomprensible que, mentres noutros concellos con moita menos poboación teñen acceso á fibra desde hai anos na totalidade do seu territorio, en Valga non chega a todos os núcleos de poboación”.

Outro dos obxectivos que conseguiría o despregamento completo da fibra óptica é o de ser unha unha ferramenta esencial para fixar poboación en Valga, tendo en conta que, desde o 1996 o concello leva perdendo habitantes ano tras ano, pasando de 6.442 habitantes a soamente 5.704 en 2023.