O BNG de Valga levará ao Parlamento Galego o uso fraudulento dos fondos destinados ao programa de envellecemento activo municipal
A filla da segunda tenente de alcalde e concelleira de emprego, contratada para coordinar este programa a partir dun proceso selectivo feito á medida, dedícase a outras funcións alleas ás subvencionadas, mentres o goberno municipal fai pagar ás persoas maiores polas actividades incluídas no programa, do que non existe unha ordenanza reguladora
O 15 de maio de 2025, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galiza e o Concello de Valga, asinaron un convenio de colaboración para a “realización do proxecto de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria para o exercicio 2025”, por un importe de 30.000 euros e con vixencia até o 31 de decembro de 2025. A concesión directa de dita subvención, tal como se indica no convenio, é o “financiamento das actuacións que o Concello de Valga ten previsto desenvolver durante o ano 2025, de cara á realización do proxecto de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria”.
O importe desta subvención destinouse na súa totalidade á contratación dun “técnico/a de coordinación de actividades de envellecemento activo e prevención da dependencia”. Para a contratación deste técnico/a en réxime de persoal laboral, o Concello de Valga publicou unhas bases nas que se esixía estar en posesión do título de licenciado/a en Dereito, Economía ou Administración e Dirección de Empresas, excluíndo titulacións que gardan unha maior relación coa vacante, como son os graos en Traballo Social ou Educación Social. O temario apenas tiña contido social, xa que dos 90 temas que figuraban, apenas tres trataban sobre asuntos sociais, e de todos eles, ningún sobre o obxecto propiamente dito da convocatoria, o envellecemento activo e a prevención da dependencia. Ademais disto, incluíanse no temario asuntos como o tráfico, o transporte, o medio ambiente, a educación, o urbanismo, o planeamento, as expropiacións ou as licenzas urbanísticas, temas que nada teñen que ver coas características da vacante convocada.
Todo o anterior provocou que o Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza e o propio BNG de Valga presentaran recursos denunciando irregularidades e arbitrariedade nas bases que rexían o proceso selectivo. Como consecuencia destes recursos, o goberno municipal rectificou as bases, mais soamente engadindo a titulación de Traballo Social, mantendo o temario e o sistema de avaliación.
O resultado final do proceso selectivo, tal como xa advertira previamente o BNG de Valga, foi o previsto, a contratación da filla da segunda tenente alcalde e concelleira de educación e emprego. Esta obtivo un resultado sorprendentemente extraordinario no primeiro exercicio teórico consistente nun cuestionario de 100 preguntas tipo test, conseguindo a maior nota, 39,2 sobre un total de 40, mentres que a segunda mellor puntuación obtivo un resultado negativo de -7,2. Outra das irregularidades detectadas polo BNG de Valga foi que dous membros do tribunal cualificador non asinaron a acta na que se facían públicas as puntuacións do primeiro exercicio.
O grupo municipal do BNG de Valga, no seu labor fiscalizador e de control da actividade do goberno municipal do Partido Popular, analizou os traballos que está realizando a persoa que finalmente foi contratada e o resultado foi o agardado. Esta persoa está realizando labores que nada teñen que ver co “envellecemento activo e prevención da dependencia”, como tarefas de procedemento administrativo ordinario, tramitación de expedientes, licitacións, obras ou proxectos municipais, algúns dos cales se mostran na seguinte táboa.
Se isto non fora suficientemente grave, o Concello de Valga comezará a cobrar as actividades de envellecemento activo, dirixidas a persoas maiores de 55 anos. Resulta totalmente contraditorio que se destinen 30.000 euros para a contratación dunha técnica de coordinación para as actividades de envellecemento activo e que, por primeira vez, se cobre por asistir a estas. O que comezou cun proceso selectivo cheo de irregularidades que trouxo consigo a contratación da filla dunha concelleira do Partido Popular, remata agora coa privatización dun servizo polo que se vai comezar a cobrar, aínda sen existir unha ordenanza reguladora para o cobro destas actividades, o que vulnera os principios básicos de transparencia e legalidade administrativa. O goberno municipal de Valga acaba de converter un programa social nun negocio, facendo pagar ás persoas maiores polo que xa lles pertence.
É inadmisible que habendo un convenio para este fin, e tendo unha persoa contratada grazas a este programa, é a primeira vez que as persoas maiores de Valga teñen que pagar por participar nas actividades do programa de envellecemento activo. Un servizo que sempre fora público, gratuíto e pensado para favorecer a igualdade de acceso, convértese agora nun programa de pago. “Non se pode xogar cos cartos de todos e todas para favorecer a persoas concretas. É intolerable que se cobre ás persoas maiores por un servizo que xa está subvencionado con fondos públicos”, sostén o BNG de Valga.
Ante o evidente desvío de fondos respecto do obxecto do convenio subscrito entre a Xunta de Galiza e o Concello de Valga, o BNG levará ao Parlamento Galego, como xa fixo noutras ocasións, a xestión fraudulenta da subvención concedida. Esixirá que a Consellería de Política Social e Igualdade e a Xunta de Galiza investigue o uso dos fondos e a legalidade dos importes cobrados pola asistencia ás actividades, das que non existe unha ordenanza reguladora de cobro.
O BNG de Valga solicitará ao goberno municipal que rectifique, que devolva a gratuidade das actividades e respecte o espírito social do programa. O envellecemento activo se promove con enchufismo nin cobros inxustos, senón con profesionais cualificados e servizos públicos gratuítos. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “a coincidencia entre a contratación da filla dunha concelleira e o cobro ás persoas maiores é un insulto á decencia política”.
A política social debe servir ás persoas, non aos intereses partidistas ou familiares. O BNG de Valga defenderá o bo uso dos recurso públicos, o dereito das persoas maiores a programas sociais dignos; así como un concello xusto, solidario e humano, onde os fondos públicos se destinen ao ben común e non ao beneficio particular. Quedou demostrado, que o obxectivo non era mellorar os coidados do servizo de dependencia, senón asinar un convenio feito á medida para colocar á filla dunha concelleira. Unha mostra máis de que, para o alcalde e o resto do goberno municipal, o importante non é a veciñanza de Valga, senón colocar aos seus.