O BNG lamenta a falta de vontade negociadora do alcalde para evitar o proceso de expropiación forzosa do terreo propiedade de Valga en Pontecesures

O goberno municipal negouse en rotundo a unha posible negociación, correndo o risco de que o Xurado de Expropiación de Galiza rebaixe o importe fixado no expediente, ao que habería que engadir os gastos derivados dos recursos xudiciais nos que se verá envolto o concello

O 31 de outubro de 2024, o Concello de Pontecesures comunicou por escrito ao Concello de Valga o inicio o proceso de expropiación do terreo. Sen embargo, anteriormente ao inicio deste proceso, Pontecesures xa intentara negociar durante este até en dúas ocasións con Valga, a primeira vez en xaneiro, ambas as dúas sen éxito ante a negativa do alcalde a calquera tipo de acordo.

Non foi até o 7 de novembro de 2024 cando o alcalde lle entregou unha copia do expediente a Fran Devesa, voceiro do grupo municipal do BNG de Valga, onde se fixa como importe de expropiación 90.600 euros. Malia que o alcalde anunciou publicamente que trataría a postura do concello resto dos grupos políticos, o 18 de novembro de 2024 fíxose pública a posición do “equipo de goberno”, sen que ningún dos grupos da oposición tiveran coñecemento do mesmo.

O BNG de Valga sempre defendeu que a única postura posible era a negociación para conseguir un acordo que fora o máis beneficioso posible para Valga. É especialmente sorprendente e incoherente que no Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2024 estea previsto un ingreso de 75.000 euros pola venda de soares propiedade municipal, non mostrando ningún tipo de reparo á perda de patrimonio público. Sen embargo, o alcalde negouse tan sequera a negociar a venda dun terreo cunhas grandes limitacións urbanísticas (catalogado como zona verde) mostrando un dobre estándar que mina a credibilidade do goberno municipal e deixa claro que a súa postura no referente ao terreo situado no porto de Pontecesures non está fundamentada na defensa do patrimonio público.

Ante a negativa do alcalde de Valga á negociación, o Concello de Pontecesures iniciou o proceso de expropiación forzosa, feito que podería ter como consecuencia que Valga conseguira unha cantidade económica inferior á que podería obter se negociase. A todo isto aínda habería que engadir os gastos derivados dos recursos e procesos xudiciais nos que se verá envolto o Concello de Valga. Na reunión celebrada hoxe entre os concellos de Valga e Pontecesures, o BNG de Valga defendeu que se tiña que ter realizado un maior esforzo por chegar a un acordo o máis beneficioso posible para Valga, instando ao goberno municipal de Valga a evitar a confrontación e buscar o entendemento entre dous concellos unidos por unha historia e un territorio común