O BNG lamenta a falta de criterio ambiental e paisaxístico nas obras da Xunta de Galicia na praia fluvial de Ponte Valga

O último investimento realizado na praia fluvial foi de 208.815 euros, ao que se engaden as numerosas actuacións que se levaron a cabo desde a súa construción e que non fan máis que perpetuar unha infraestrutura fallida que precisa ser repensada

A praia fluvial de Ponte Valga, construída durante os anos 90 do século pasado, é unha obra hidráulica fallida desde a súa concepción até a actualidade. No aspecto social, nunca conseguiu ser un punto de encontro para veciños e visitantes, e desde o punto de vista ambiental supón unha barreira para o leito fluvial do río Valga.

As mostras máis evidentes de que é unha infraestrutura errada son as constantes actuacións e investimentos que se levaron a cabo por parte do Concello de Valga e da Xunta de Galicia durante os últimos anos, e que en moitas das ocasións tratábanse de obras que actuaban sobre os mesmos puntos que outras actuacións anteriores.

No ano 2023 a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, volveu actuar na praia fluvial, investindo 208.815 euros nunhas obras que tiñan por obxectivo “minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga”. Desta vez, entre outras actuacións, construíuse un muro de perpiaño de granito duns 56 metros de lonxitude para evitar unhas supostas inundacións que fai xa moitos anos que non se producen e tamén se interveu, unha vez máis, na canle de derivación do río Valga.

Todas estas obras non fan máis que consolidar a principal problemática que a praia fluvial supón, e que incluso a propia Xunta de Galicia recoñece no proxecto redactado por Augas de Galicia en 2023: “o río Valga está canalizado neste treito e presenta unha obra de drenaxe transversal que non é abonda para evacuar o caudal”.

O principal valor que existe no espazo que conforman a praia fluvial e o Parque Irmáns Dios Mosquera é o río Valga, mais ese valor está relacionado co seu carácter máis natural e non coa construción de novos muros que crean barreiras e afastan a natureza das persoas. En pleno ano 2024, non se poden seguir empregando os mesmos criterios dos anos 90 para realizar intervencións na paisaxe. Un concepto plenamente vixente é o da renaturalización, e baixo eses criterios debera rexerse unha actuación como esta, tendo en conta que a praia fluvial emprázase nun ecosistema moi sensible que perdeu gran parte da súa biodiversidade.

En novembro de 2023, o BNG de Valga propoñía a creación dun roteiro que conectara o Parque Irmáns Dios Mosquera co Camiño Portugués e a Fervenza de Raxoi. O obxectivo era conseguir a conectividade peonil de Ponte Valga co Camiño Portugués e a Fervenza de Raxoi, ademais de integrar o Parque Irmáns Dios Mosquera no seu sistema natural de infraestrutura verde, o río Valga, mais tamén por en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial asociada ao curso fluvial.

Nesta mesma liña, a utilización de solucións baseadas na natureza (renaturalización) debería ser o obxectivo para que a infraestrutura verde vinculada ao río Valga integre a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.

Para o BNG de Valga é imprescindible mellorar a integración entre o río Valga, o Parque Irmáns Dios Mosquera e a praia fluvial, conseguindo que estes tres espazos funcionen como unha única unidade ambiental, paisaxística, social e de ocio. Para conseguir isto, propón as seguintes liñas de actuación:

  • Elaboración dunha estratexia de renaturalización e integración do espazo fluvial
  • Redución do risco de inundacións sen necesidade de construír barreiras
  • Recuperación do bosque de ribeira
  • Programa de limpeza e mantemento da canle fluvial
  • Fomento da biodiversidade asociada ao río
  • Eliminación de especies invasoras e exóticas potencialmente problemática
  • Recuperación do patrimonio fluvial e a memoria colectiva asociada ao río
  • Concienciación e sensibilización ambiental