O BNG esixirá a Adif e ao Ministerio de Transportes dotar ao novo viaduto de Castiñeiras de espazos seguros para a circulación das persoas
Carme da Silva, senadora do BNG, rexistrará unha iniciativa esixindo que esta nova infraestruturas dispoña de beirarrúas e espazos para o desprazamento peonil, tal e como estaba proxectado e anunciado en numerosas ocasións polo goberno municipal de Valga
En xullo de 2022, Adif e Concello de Valga asinaban un convenio para a supresión de dous pasos a nivel situados na liña de ferrocarril Redondela-Santiago, nos cruces cos camiños de Carracido e de Castiñeiras-A Carballa. A licitación para a execución das obras publicouse no Portal de Contratación do Estado o 29 de maio de 2023 e foi adxudicada a Covsa por un importe de 3.526.789,78 euros. Este cantidade correu a cargo de Adif, dependente do Ministerio de Transportes, mentres que o Concello de Valga aportou 219.000 euros, correspondentes ás expropiacións dos terreos.
A principal actuación proxectada consistía, segundo o indicado nos pregos de condicións e o publicado na propia páxina web do Concello de Valga (imaxe), nun paso superior con dous carrís de circulación, un por cada sentido, de 3 metros de ancho, beiravías de 0,50 metros e, acaroadas a estas, unhas bandas de 1,80 metros nas que se instalarán un muro de protección, beirarrúas, varanda e valla antivandálica.
O 3 de decembro de 2025, o alcalde, varios concelleiros do goberno municipal do Partido Popular e representantes da empresa adxudicataria das obras, Covsa, visitaron a obra para anunciar a súa finalización e a posta en servizo da ponte. Ese mesmo día, Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, recibiu queixas da veciñanza alertando de que o novo viaduto non dispoñía de beirarrúas nin espazos para a circulación dos peóns. Isto supón unha grave carencia, incomodidade e falta de seguridade para todas as persoas que teñan que cruzar andando a ponte.
Un día despois da “inauguración” realizada por alcalde e concelleiros, Fran Devesa desprazouse até o novo viaduto para comprobar as deficiencias trasladadas polas veciñas e veciños da zona. Alí puido comprobar como as bandas de 1,80 metros para as beirarrúas que se anunciaran non existen, polo que esta infraestrutura non cumprirá cun dos obxectivos das obras, como era o de mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria.
Para o BNG de Valga non se pode falar de seguridade cando se obriga á xente a atravesar unha infraestrutura pensada só para vehículos, onde as dúas ramplas de acceso non dispoñen de ningún espazo para a circulación das persoas. Estas quedan sen alternativa segura para cruzar a vía do tren nun espazo que conecta camiños moi transitados pola veciñanza. Os únicos pasos seguros serán o paso elevado da Praia Fluvial de Vilarello, situado a case dous quilómetros, e o paso soterrado de Casanova (xunto a Extrugasa), a uns 400 metros. Este último non está accesible durante todo ano, pois en época de chuvias sofre continuos asolagamentos que o fan intransitable, tanto para vehículos como para peóns, feito este denunciado en varias ocasións polo grupo municipal do BNG de Valga.
Ante a inacción do goberno municipal de Valga, Carme da Silva, senadora do BNG, rexistrará unha iniciativa para instar a Adif e ao Ministerio de Transportes a que doten a esta nova ponte dun espazo para a circulación de persoas, garantindo así unha mobilidade segura. A iniciativa esixirá que a nova ponte de Castiñeiras dispoña de beirarrúas e espazos para o desprazamento peonil en toda a súa lonxitude, tal e como estaba proxectado e anunciado en numerosas ocasións polo goberno municipal de Valga.